Por iso, dende hai uns quince anos, que o artista expuxo por primeira vez a serie “A linguaxe da memoria”, unha instalación que fusionaba coa dobre linguaxe, un conxunto ordenado de libros realizados en cerámica que facían referencia á perda cultural, ocorrida no incendio da Biblioteca de Saraxevo (25.08.92) na Guerra dos Balcáns, o libro faise presente na súa obra escultórica.
A perda das culturas minoritarias é un dos discursos habituais de Caxigueiro, un artista comprometido que incide en todo o que supón a desaparición ou deterioro dos valores fundamentais do home. Obras como “Natureza morta” ou “O libro das pólas” definen o deterioro do medio ambiente, ou “O libro das palabras”, “O libro dos paxaros” e “O libro do silencio”, refírense ó idioma galego e ó esquecemento de moitas das súas palabras que se utilizaban ata hai pouco tempo e que perderon todo significado.
Poucos meses hai que Caxigueiro, co poeta de Celanova, Baldo Ramos, mantivo no Gaiás de Santiago, ou A Cidade da Cultura, unha exitosa exposición; agora mesmo ten na Coruña a que comentamos e paralelamente participa nunha colectiva na cidade de Pontevedra e en carteira outras actividades e presenzas polo resto do país; daí que, como o título proclama, Caxigueiro está en órbita. Os nosos parabéns.
Suso Fernández