Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA e os afectados polo abuso do mercado eléctrico organizan unha charla o xoves 18 de abril

Ribadeo, 12 de abril de 2013. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo e a Plataforma de Afectados polos Abusos do Mercado Eléctrico organizan unha charla que terá lugar o vindeiro xoves, 18 de abril, ás oito da tarde no salón de actos da Casa Sindical.

Os abusos eléctricos centrarán a ponencia da plataforma “nacida na Mariña para denunciar o caos existente, temas de facturación e de cortes, así como as posibles reclamacións a presentar. Queren obrigar ás autoridades competentes a tomar medidas sancionadoras e a axilizar os trámites”, explican dende a directiva de ACISA.

ACISA engade que “nas charlas que está levando a cabo esta plataforma trátanse cuestións como a substitución de contadores, os cortes irregulares que se producen no servizo, a comisión nacional da enerxía…”. Dende a directiva de ACISA sinalan que “en Ribadeo non somos alleos a toda esta problemática, de feito aquí sufrimos cortes no subministro eléctrico con frecuencia. Antonte, sen ir máis lonxe, producíronse cinco ou seis cortes seguidos de pequena duración, pero suficientes para ocasionar problemas a empresas e particulares”.

A charla da plataforma de afectados polos abusos do mercado eléctrico está aberta a todos os veciños y veciñas de Ribadeo que desexen asistir ademais de ós establecementos asociados a ACISA, “preocupámonos polos problemas que lles afectan directamente ós nosos socios, como empresarios e veciños de Ribadeo que son, e ó resto da cidadanía ribadense. De aí que calquera persoa que o desexe poida asistir a esta charla”.

Exit mobile version