FERNANDO SUÁREZ REMITIULLE UN ESCRITO AO FISCAL XERAL DE GALICIA DENUNCIANDO AS POSIBLES INFRACCIÓNS PENAIS OU IRREGULARIDADES COMETIDAS POLAS ENTIDADES FINANCIEIRAS COAS PREFERENTES E SUBORDINADAS.
Ribadeo, 17 de abril de 2013. O alcalde, Fernando Suárez, ven de remitirlle un escrito ao fiscal xeral de Galicia denunciando as posibles infraccións penais ou irregularidades cometidas polas entidades financeiras coas preferentes e as subordinadas. Esas presuntas anomalías foron detectadas tras as preto de 500 reclamacións que os afectados formularon a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor de Ribadeo.
Suárez Barcia sinalou que “desde a Oficina Municipal de Información ao Consumidor de Ribadeo, a través de tantas e tantas reclamacións presentadas tanto o ano pasado como neste 2013 de afectados polas preferentes ou subordinadas e a través dos informes do propio técnico da OMIC, eu, como alcalde, son coñecedor dunha serie de feitos que despois de consultar cos xuristas do Concello e con asesores externos estariamos diante de situacións tipificadas no Código Penal. E eu véxome na obriga de dar conta ao ministerio fiscal para que, si o considera oportuno, incoe algún expediente informativo sobre isto ou pedir canta información estime conveniente”.
O rexedor ribadense lembra que “se dan circunstancias, tal e como dixemos máis veces, que son absolutamente propias dunha estafa por non ofrecer información fidedigna inicialmente, por vencemento de depósitos financeiros que teñen como data de vencemento o ano 9999 e que ao mesmo tempo desde a oficina bancaria lles din que iso non é algo relevante, pero ao final esa xente tampouco pode sacar os seus fondos. Hai outros casos de cartillas de aforro infantil que son convertidas en preferentes ou en subordinadas, que tampouco é algo que se deba facer. Desde o Concello queremos poñer o noso grao de area para contribuír a que se solucione todo este engano e esta estafa masiva que lles fixeron aos aforradores, que non inversores, porque a media dos aforros que están nestes produtos en Ribadeo sitúase nos 20.000 ou 25.000 euros. Non son cifras escandalosas nin grandes inversores, senón que son familias normais, en moitos casos xente que xa era maior cando subscribiu estes produtos, que son un engano”.
Suárez Barcia subliñou que “esta mañá demos conta ao fiscal xeral de Galicia para que practique as indagacións que estime convenientes e que máis aló de que aquí ten que haber uns culpables e responsables, eu, na miña opinión persoal, non apuntaría nin aos cargos intermedios nin ao persoal das oficinas bancarias senón á alta dirección destas entidades financeiras, porque sabían o que se traían entre mans”. O alcalde de Ribadeo considera que “agora o que lle importa á xente é recuperar os seus cartos e si esta actuación nosa é un grao de area para conseguir a invalidación destes produtos para que lles devolvan os aforros ben feito estará o que estamos a facer”.