– As obras consisten no arranxo, ampliación da calzada e limpeza de cunetas da estrada que une a ponte medieval coa igrexa, moi utilizada polos 300 veciños deste núcleo viveirense.
– O organismo lucense aforrou o pasado ano 5 millóns de euros ós Concellos da provincia asumindo actuacións en 534 quilómetros de vías municipais coas máquinas do Parque Móbil.
A Deputación de Lugo acomete melloras en vías municipais da parroquia viveirense de Landrove con medios do Parque Móbil, aforrándolle deste xeito importantes custes ó Concello ó evitarlle a contratación dunha empresa externa. As actuacións, iniciadas este luns, consisten no acondicionamento e ampliación da calzada, e na limpeza de cunetas da estrada que une a ponte medieval de Landrove e a igrexa parroquial.
Esta vía, deteriorada dende hai dous anos, é moi utilizado polos veciños da localidade porque é o enlace natural entre o templo e o centro de Landrove, unha parroquia que conta con máis de 300 habitantes. Ademais desta actuación, o Concello prevé, se as condicións meteorolóxicas o permiten, arranxar nas próximas semanas a pista de Tras Viveiro, tamén na parroquia de Landrove.
Para acometer estes traballos, o organismo provincial ten desprazado no municipio mariñano un equipo de rego, composto por 3 vehículos (cisterna, gravilladora e compactadora), así como tres maquinistas, cos que colabora persoal municipal.
Máxima cooperación cos Concellos
Dentro da súa aposta pola optimización de recursos e a máxima cooperación cos Concellos, a Deputación reorientou o servizo do Parque Móbil hai 6 anos, poñendo a disposición de todos os municipios da provincia os medios técnicos e o persoal deste departamento para o acondicionamento de estradas locais co fin de reducir as súas cargas económicas e mellorar os servizos públicos ós cidadáns. Actualmente, as máquinas actúan durante todo o ano e segundo as necesidades en vías locais coa colaboración de traballadores municipais. Por este motivo, vanse desprazando por toda a provincia.
Balance de 2012
Estas actuacións acometidas con recursos propios supuxeron un aforro de case 5 millóns de euros durante o pasado ós Concellos de toda a provincia. En 2012, as máquinas do Parque Móbil actuaron en vías locais de 20 municipios de todas as cores políticas, nas que se arranxaron un total de 534 quilómetros: creáronse 36 quilómetros de obra nova; rexeneráronse 343; bacheáronse 129 e reparáronse accesos en máis de 26 quilómetros. Para elo, a institución luguesa puxo a disposición dos Concellos 20 operarios e 18 máquinas do Parque Móbil. Isto supuxo, segundo datos dos técnicos provinciais, que a Deputación aforrase ós Concellos preto de 5 millóns de euros, que sería o orzamento que terían que investir os municipios no caso realizar contratacións externas para levar a cabo estas actuacións, executadas e asumidas na súa totalidade pola institución.