Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Cultura pon en marcha obradoiros para fomentar o audiovisual e a lectura nos centros de ensino

contosenmovemento18 centros de ensino de Lugo participan no programa Qontos en Movemento que busca espertar a capacidade crítica e o gusto pola lectura das crianzas a través do cine.

En abril tres centros de diferentes comarcas lucenses realizarán estes obradoiros, comezando mañá en Becerreá, o venres no CEIP de Monforte e o xoves 11 no CEIP San Xoán de Requeixo de Chantada.

Lugo, 3 de abril de 2013. O audiovisual e a literatura escrita/oral non son linguaxes excluíntes. Coexisten e enriquécense mutuamente e son unha ferramenta educativa moi potente, sobre todo se hai un uso conxunto de ambas. Esta é a aposta da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo co programa “Qontos en movemento”, que pon en marcha OQO editora, co obxectivo de fomentar a educación audiovisual nas aulas, conxugando cine e contos.

18 centros de ensino de Lugo participarán en máis de 20 obradoiros teórico-prácticos, nos que se procura espertar a capacidade crítica e o gusto pola lectura dos cativos de educación primaria, a través do cine. Traballarase con filmes de OQO, baseados nos seus contos. Deste xeito, incídese na complementariedade de ambas linguaxes e demóstrase como a animación lectora tamén se pode realizar desde a educación audiovisual.

“Qontos en movemento” parte do feito de comprobar como algunhas xeración continúan a considerar os medios audiovisuais unha novidade tecnolóxica que os supera. Tamén coma unha canle chea de prexuízos en canto ao seu valor pedagóxico. Consecuentemente, a súa ensinanza está a ser relegada ao adestramento técnico e continúase a alimentar unha imaxe negativa sobre os seus nocivos efectos. Asemade, é frecuente culpar a estes novos medios das cifras alarmantes de caída de hábitos da lectura na infancia.

En “Qontos en movemento”, a literatura, no canto de marcar distancias e diferenzas, aproveita esas características dos novos medios —que se fan tan atractivos aos ollos das novas xeracións— para espertar o gusto non só pola lectura, senón pola arte, o desenvolvemento da capacidade de crítica e pensamento.

O audiovisual como unha potente ferramenta educativa
A Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e OQO son conscientes da importancia do cine como fenómeno de masas, do seu poder de espectáculo, pero tamén do seu poder de formación que axuda a cuestionar e desenvolver unha formación crítica. Porén, traballando en espazos axeitados, como as escolas, pode converterse nunha ferramenta educativa moi potente.

Nos obradoiros fomentarase unha compresión critica do audiovisual, máis aló do tradicional uso dos medios audiovisuais como recurso didáctico na aula. Nestas actividades dotarase ao alumnado de ferramentas de análise crítica da comunicación para saber que o que reciben de maneira visual (cine, televisión…), e outorgaráselle unha autonomía e coñecemento, para que poidan gozar das imaxes e descodificalas.

Todo o peso da información e formación que estes obradoiros supoñen non afogan o aspecto lúdico e de entretemento que leva implícito o cine e a literatura. Así que aos cativos espéranlle unhas actividades atractivas, dinámicas e con capacidade de motivación.

Exit mobile version