Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Lourenzá critica a Antonio Veiga por non atender ás súas reiteradas solicitudes de entrevista

Lourenzá, 17 de abril de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, critica ao vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga, porque non atende ás solicitudes de entrevista con el que a rexedora leva facendo dende o pasado mes de xaneiro en reiteradas ocasións e por diversos medios, incluso a través do concelleiro do Bloque Nacionalista Galego en Lourenzá. Emma Álvarez cree que Veiga non a recibe por ser do Partido Popular e considera que esta actitude do vicepresidente primeiro da Deputación é un desprezo aos veciños de Lourenzá.

A rexedora municipal explicou hoxe que queda “atónita ao ver como o señor Antonio Veiga sae nos medios constantemente en distintos saraos e eventos, pero non ten tempo para recibir a unha alcaldesa da Mariña, zona a que el tanto presume de defender; porque lle quero recordar ao señor Antonio Veiga que son do PP pero son alcaldesa de 2.449 habitantes que non se merecen o desprezo político simplemente porque eu represente a unha cor distinta á que el representa na Deputación. E digo isto porque en reiteradas ocasións pedinlle cita: a primeira delas a comezos deste ano, o 12 de febreiro volvín falar con el persoalmente porque coincidimos por casualidade e díxome que a semana seguinte a súa secretaria, Begoña, me chamaría para darme unha cita, pero aínda estou esperando a que ela me chame. Eu, non obstante, chameina varias veces e a resposta foi sempre a mesma: aínda non me dixo nada. Reiterei esa petición, unha vez máis, o 4 de marzo; volvín chamalo varias veces na semana pasada e nas anteriores, incluso lle mandei ao seu teléfono móbil unha mensaxe preguntándolle que teño que facer para que me escoites, para poder ter unha entrevista contigo”.

A alcaldesa tamén intentou conseguir a reunión co vicepresidente primeiro da Deputación Provincial a través do concelleiro do Bloque Nacionalista Galego en Lourenzá, porque “en varias ocasións me mostrou o seu apoio para calquera cousa que tivera que ver co seu partido e concretamente pedinlle en dúas ocasións que tratara de falar con Antonio Veiga e inviteino a ir co técnico de Deportes e comigo a esa reunión, porque o único que quero é algo transparente e normal, algo que calquera persoa podería escoitar, valorar e despois dicir si ou non, que para iso está el, para tomar a decisión”.

Emma Álvarez engadiu que “cando lle solicitei a cita xa lle poñía de antemán os dous temas que quero tratar con el. Son, por un lado, o deporte, pois temos que recordar que Lourenzá foi premio anual ao mellor concello de Galicia no 2009 e tiñamos en proxecto facer un campo de fútbol de herba artificial, que a día de hoxe vexo desmesurado pola situación económica que estamos a vivir, pero si temos un compromiso da Xunta de 10.000 euros, temos unha partida similar no Concello que poderíamos investir para acabar de adecuar este campo de fútbol e ter unhas instalacións decentes como teñen o resto dos equipos da Mariña. E o único que pretendo é ter unha reunión con el para tratar de poder asinar algún tipo de convenio como fai con outros moitos concellos da provincia, todo hai que dicilo, a maior parte deles non do Partido Popular.

Outro dos temas que a rexedora local quere tratar co vicepresidente primeiro da Deputación está relacionado coa Festa da Faba, porque este evento “tiña unha asignación económica fixa de 4.000 euros, que o ano pasado se veu minguada pois tan só nos deron 1.000 euros que non subvencionaron ao Concello directamente senón que pagaron para publicidade. Non obstante, sorpréndeme que asociacións de veciños reciban 700 euros para facer un magosto; que a Festa da Fabada de Cervo, unha festa que os mesmos organizadores dicían na prensa que compraban as fabas no mercado de Vegadeo, reciba 3.000 euros do Inludes; e que a Festa da Faba de Lourenzá, que ten un recoñecido prestixio e que está declarada de Interese Turístico Galego, soamente reciba mil euros. Creo que o acontecido o ano pasado puido ser un erro, porque a solicitude de subvención foi moi rápida, polo pouco tempo que eu levaba na Alcaldía no momento de empezar a organizar esta festa e por iso non dixen nada. Pero por ese motivo desde xaneiro estou intentando falar con el para saber cal é o motivo de que se nos rescinda ese apoio económico que estaba recoñecido xa dende moito anos atrás e que eran 4.000 euros para esta festa de Interese Turístico Galego”.

A alcaldesa remata pedíndolle a Antonio Veiga “sensatez e que polo menos escoite aos seus veciños, que son igual que os que votan ao BNG, pois os cidadáns de Lourenzá escolleron a un alcalde do Partido Popular non por capricho e o vicepresidente primeiro da Deputación o mínimo que ten que ter é respecto cara aos seus veciños e escoitar ao alcalde, que é quen representa aos cidadáns diante de calquera administración pública”.

Exit mobile version