Un grupo de hosteleiros de Xove que queren contribuir a promocionar Xove organizan esta festa gastronómica, xa que esa é a área na que mellor se desenvolven.
“O mesmo que noutros lugares da Comarca, cremos que temos productos que son merecentes de ser promocionados; coincidimos todos en que o “polbo da pedra”, denominación coa que coñecemos o polbo que se captura na nosa costa, é un producto de altísima calidade, tal como nolo amosan os numerosos viaxeiros e turistas que pasan polos nosos establecementos. Sabemos que noutros lugares de Galicia se celebran festas do polbo, pero esta queremos que naza cun xeito diferenciador, e ese xeito está en que o polbo que se traballa na Costa de Lugo (especialmente no que atinxe ós nosos portos de Morás e Portocelo) é un polbo distinto do que se acostuma a tomar noutros lugares e feiras de Galicia; o noso é un polbo cunha cor máis escura, os raxos son máis longos e a cabeza máis pequena, e cremos tamén, inda que esta é unha opinión particular, que se trata dun polbo de máis calidade que ese outro que se colle sobre todo nas grandes rías”, explican.
Miguel Gómez, membro da orgranización da festa indica que “xa imos pola duodécima edición, o que quer decir que esta Festa consolídase ano a ano, enchéndonos de orgullo. Para esta edición, que vai comezar ás 19:00 horas, ou sexa, que a partires das 7 da tarde xa se vai comezar a repartir polbo, a organización dispón duns 800 kg. de polbo que vai ser preparado polos diferentes locais en multitude de variedades. Decir, neste sentido, que cada ano os distintos hosteleiros elaboramos diferentes e novas recetas cada edición, co fin de sorprender aos visitantes, sen deixar tamén de cociñar o polbo nas súas formas máis tradicionais”.
A organización deste evento corre a cargo dos seguintes establecementos: Pulpería O Refugio, Cafetería O Roda, Bar Pepe, Cervecería Cociña, Cafetería Centro Cívico e Mesón-Pizzería A Fuga. Contamos tamén, e non podía ser doutra maneira, co importante patrocinio e colaboración do Concello de de Xove.