Lugo, 7 de marzo 2013. Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación lucense e delegado provincial de Benestar Social e Igualdade participou, esta tarde, xunto co delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, nas actividades organizadas pola Vicepresidencia da institución no Museo Provincial con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora que se celebra mañá, 8 de marzo, baixo o lema ‘Unha promesa é unha promesa: momento de pasar a acción para acabar coa violencia contra as mulleres.’
Durante a inauguración, Veiga insistiu en que este lema está de máxima actualidade en canto a diminución no número de denuncias presentadas por violencia de xénero é “un espellismo” provocado pola crise económica que fai que moitas mulleres rexeiten denunciar polo medo a non atopar traballo e poder ser independentes economicamente. Neste senso, o vicepresidente da Deputación afirmou que “é urxente por en marcha medidas laborais de discriminación positiva para evitar que o drama do paro continúe afectando de xeito máis virulento ás mulleres” e recordou que so na provincia de Lugo hai máis de 14.200 desempregadas e que en comarcas como a da Mariña o paro feminino supón máis do 53 por cento do paro total. “O 8 de marzo debe servir para chamar a atención sobre estes problemas pero debemos levantar a voz durante todo o ano para evitar tamén a discriminación salarial feminina, xa que, no noso país, as galegas perciben un salario un 25 por cento menor que os galegos.”
Os actos iniciáronse coa lectura dramatizada de poemas de Rosalía de Castro por parte das actrices lucenses Paloma Lugilde e Tareixa Campo e continuaron cunha conferencia impartida pola escritora monfortina Teresa Moure titulada ‘Desestabilizando o xénero. Que fica da liberación feminista?’
Dende a Vicepresidencia da Deputación aseguran que non se pode celebrar o Día da Muller sen lembrar a figura e a obra de Rosalía de Castro, máis neste ano no que se cumpren 176 anos do seu nacemento e 150 anos da publicación de ‘Cantares Galegos’. Rosalía foi unha feminista na sombra preocupada pola sorte das mulleres a partir da súa propia experiencia vital; en toda a súa obra aparecen reflectidas dous tipos de mulleres, as que se revelaban e defendías o seu e as sometidas.
Pola súa banda e nesa liña, Mario Outeiro concluíu que “o Goberno do Estado, do Partido Popular, está convertendo a todas as mulleres en sometidas ao eliminar o dereito das mulleres a decidir libremente sobre a súa maternidade e animounas a revelarse contra un Executivo que defende posicións ancoradas no pasado.”
Os actos remataron cunha actuación musical a cargo do grupo Jontinho`s en formato acústico.