Site icon Crónica3.com A Mariña

Veiga acusa ao PP de “afastar da cidadanía servizos esenciais coa súa política centralizadora”

Antonio Veiga afirmou que “o PP empéñase en crear cidadáns de segunda nas comarcas da Mariña e Monforte, afastando servizos básicos e desmantelando a sanidade”

“O PP estase enfrontando ao pobo, que lle contesta cada día na rúa, ao executar constantemente políticas centralizadoras e discriminatorias co rural baixo o amparo dunha falsa austeridade” – sentenciou Veiga

Antonio Veiga manifestou o apoio á reivindicación de mañá no Hospital de Burela unha vez máis na que simbolicamente abrazará a xente da mariña

Lugo, 22 de marzo 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, afirmou esta mañá na rolda de prensa trala Xunta de Goberno da institución que “o PP está a afastar da cidadanía servizos esenciais coa súa política centralizadora, creando cidadáns de segunda nas comarcas da Mariña e Monforte. Con cada decisión o PP estase enfrontando ao pobo, que lle contesta cada día na rúa, ao executar constantemente políticas centralizadoras e discriminatorias co rural baixo o amparo dunha falsa austeridade. Sábado pasado saíron á rúa 9.000 persoas en Monforte para reclamar ao goberno galego que manteña as actuais áreas sanitarias e non centralice en Lugo un servizo tan elemental como a saúde, creando un agravio na atención sanitaria para a xente das comarcas do sur e da Mariña. Feijóo debería escoitar esas nove mil persoas que contan con nove mil razóns para defender a sanidade pública, e debería cumprir a súa palabra cando dixo en campaña electoral que os hospitais de Monforte e Burela non dependerían de Lugo” (Veiga mostrou panfletos repartidos polo PP na comarca da Mariña nos que se citaban frases textuais de Núñez Feijóo afirmando que o hospital de Burela tería sempre plena autonomía na xestión dos servizos e recursos).

Para Veiga, “outro tanto está a pasar coa polémica xerada esta semana co que todo indica que será o peche das oficinas da Axencia Tributaria de Foz e Monforte, ás que nun primeiro paso se lle rebaixou a categoría quedando meramente como oficinas de información. Desde a propia Axencia Tributaria afirman que a reordenación á que se ven sometidas as oficinas provocará que para moitas xestións as persoas teñan que desprazarse da Mariña e de Monforte a Lugo, co consecuente trastorno persoal, familiar, laboral e económico. Unha vez máis vemos como a política do PP evidencia os seus intereses centralizadores, negándolle á cidadanía das comarcas do rural uns servizos que tiveron até o de agora e desprezando claramente a unhas poboacións fronte a outras”.

Exit mobile version