Ata a vindeira semana, na pista do Móstoles, o Burela FS Pescados Rubén non volverá á competición de Primeira RFEF, ao coincidir a fase final do Campionato de España Sub-23 (San Lorenzo del Escorial, 9-10 de marzo). Tras a súa cuarta participación en liga, a porteira laranxa Patri destacou o valor dos tres puntos acadados no derbi galego co Viaxes Amarelle FSF (7-1), nun cita dominada polas laranxas sen relaxación: “Foi unha vitoria importante, ante un rival que soubemos controlar en todo momento, para manternos no pulso pola liga. A pesar da súa clasificación, afrontamos o encontro coa mentalidade axeitada e iso permitiunos facernos cos tres puntos”.
“Xogamos coa concentración habitual, sen menosprezar o rival” puntualizou a meta coruñesa, que incidiu na fidelidade ao estilo laranxa como a clave do éxito para seguir no liderado: “Temos partidos máis brillante ca outros, pero sempre xogamos coa idea de impoñer o noso estilo. Ante o Amarelle cumprimos coa nosa obriga de gañar e aínda que ao descanso a vantaxe (0-2) non era definitiva despois sentenciamos con solvencia”, analizou Patri.
Galicia Sub-23 en Vista Alegre. Con rumbo á final do Campionato de España de Seleccións Territoriais Sub-23, Galicia fará unha paradiña mañá en Burela para compartir pista co equipo laranxa (Vista Alegre); a partir das 19.30 horas, ambas as escuadras disputarán un amigable aberto ao público. A selección irmandiña, con Lidia Mesías e Lara Balseiro xa nas súas filas, partirá cara a San Lorenzo del Escorial o venres pola mañá dende A Mariña. Pelexará polo título con Madrid, nas semifinais (sábado 9, 12.00 horas), no pavillón Zaburdón; antes tamén se disputarán praza para a gran cita Castela A Mancha e Valencia (10.00). A final está prevista para o domingo 10, ás 11.00 horas.
Tamén terán compromisoso co combinado galego durante esta fin de semana Paula Cortiñas, con Sub-17 (sábado 9, O Milladoiro, 17.00 horas) e Noé Cabana, reclamado para participar na concentración de Galicia Infantil en Sada, entre o venres e o sábado.