Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas preguntan no Pleno do Parlamento sobre a aplicación do decreto das áreas sanitarias integradas á Mariña e Monforte

A parlamentaria socialista Carmen Acuña levará ao Pleno do Parlamento de mañá unha pregunta oral á Xunta sobre o anuncio da aplicación pola Consellería de Sanidade do Decreto da área integrada ás áreas sanitarias da Mariña e de Monforte de Lemos.

Carmen Acuña do Campo, Concepción Burgo López, Juan Carlos González Santín, José Ramón Val Alonso e Vicente Docasar Docasar, deputadas e deputados pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 155.5 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta oral en Pleno polo trámite de urxencia.
A urxencia vén motivada pola preocupación e a incerteza existente nos cidadáns polo futuro da área integrada en Lugo.
De novo temos a poboación dunha provincia conmocionada ante unha decisión que vai adoptar o Goberno galego.
A provincia de Lugo, e moi especialmente a Mariña e as Terras de Lemos, están en armas ante o anuncio de que a Consellería de Sanidade vai aplicar tamén neste territorio o Decreto da área integrada.
Isto suporá que os hospitais comarcais de Monforte e Burela, que hoxe son autónomos, pasarán a depender do Hospital de Lugo. Ou dito doutro modo que a partires dese momento a Xerencia na capital decidirá sobre as necesidades sanitarias desas dúas grandes comarcas que atenden a preto de 120.000 persoas.
Coñecemos xa o resultado que está dando este modelo de área integrada do PP imposta xa noutras zonas de Galicia, e por iso preocúpanos que se amplíe tamén a Lugo.
Están creando unhas áreas integradas que non cumpren precisamente con esa función integradora anunciada. A Atención Primaria e a Atención Hospitalaria seguen sen unificar e conectar pero, sen embargo, si están “desintegrando” os hospitais comarcais.
Agora xa é unha evidencia que as áreas integradas creadas están funcionando mal e están a provocar o desmantelamento dos hospitais máis pequenos (os comarcais), mentres a Atención Primaria continúa descolgada.
Ademais esta medida está provocando un profundo rexeitamento social entre a cidadanía, que non apoia esta decisión porque son coñecedores de que as consecuencias serán moi negativas para as súas respectivas bisbarras.
A área integrada en Lugo, a área única, suporá para a xente que reside nas comarcas da Mariña e Lemos, a perda de servizos nos seus comarcais e consecuentemente largos e custosos desprazamentos para recibir unha atención sanitaria de calidade, e que hoxe están a recibir nos seus hospitais comarcais.
Nesta situación de profunda crise económica tampouco se pode desprezar a gran importancia que os hospitais comarcais de Monforte e Burela teñen nas súas respectivas áreas de influencia, podendo dicir sen tapuxos que por exemplo o Hospital Comarcal de Monforte é a día de hoxe a principal empresa da comarca de Lemos, unha comarca na que por certo se están a desmantelar as poucas empresas e servizos existentes. É esa a maneira do Goberno galego de potenciar o Galicia do interior? Ademais, e concretamente en Monforte, o presidente da Xunta de Galicia se comprometera coa cidadanía da comarca de Lemos e lles garantira que non os integraría en Lugo. Hoxe podemos dicir, xa con contundencia, que a palabra do Sr. Feijóo empeza a ter o mesmo valor que as accións de Bankia para moitos e moitas cidadáns de Galicia, e iso, neste tempo de forte crise económica que estamos a vivir, pode ser demoledor.
Polo exposto, as deputadas e os deputados que asinan formulan a seguinte pregunta urxente para o seu debate en Pleno:
Tendo en conta a palabra dada polo presidente da Xunta de Galicia, como van a explicar á cidadanía o engano levado a cabo polo Sr. Feijóo?

Exit mobile version