Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Cervo considera que o equipo de goberno intenta disimular o arranxo da rúa Concepción Arenal co rebacheo de dous metros cadrados

Os socialistas subliñan que “despois de agardar un tempo prudencial, cremos que só enganaron ós veciños, pois levamos así dende que fixeran o anuncio desta actuación no ano 2009”.

Esíxenlle á señora Pilar Armada, concelleira de obras, que “en lugar de tildar as nosas críticas de oportunistas se poña a traballar e poña punto final a situación desta rúa coa máxima celeridade”.

CERVO, 13 DE MARZO. Pasado un mes dende que os socialistas de Cervo denunciasen o estado de abandono da rúa Concepción Arenal aseguran que “o equipo de goberno volveu a enganar ós seus veciños con respecto a estas obras. O único que fixeron foi facer acto de presencia polo lugar e ordenar o rebacheo e o cambio de plaqueta de pouco máis de dous metros cadrados.”

Dende que fixeran pública a súa crítica, inmediatamente a edil de obras do Concello, Pilar Armada, recoñeceu a necesidade deste arranxo e asegurou que estaban traballando no asunto, “pero é que levan co mesmo discurso dende o ano 2009, no que anunciaron esta obra, e señora Armada, xa estamos ben entrados no ano 2013. Cremos que o tempo xa foi máis ca suficiente polo que esiximos que se poña a traballar para poñer punto final a esta situación coa máxima celeridade.”

Os membros do Grupo Municipal Socialista din que “despois de agardar un tempo prudencial e confiar na boa fe deste goberno, non vemos ningún resultado. As declaracións desta señora, que por riba tildou a nosa crítica de oportunista, non foron máis cunha burla cara ós nosos veciños, unha auténtica falta de respecto que só amosa unha vez máis a pouca palabra da que gozan os nosos gobernantes”.

Neste senso, engaden que “o único obxectivo das nosas denuncias é atender ás necesidades dos habitantes de Cervo e esiximos que se fagan as actuacións necesarias para o completo arranxo desta rúa, pois é o punto comercial alimenticio por excelencia para os veciños, non só de San Ciprián, se non de todo o Concello.”

Exit mobile version