Os socialistas lucenses ven “un escándalo” que “a comida se pague pero a relixión siga sendo gratis” cun gasto de 28 millóns de euros do Goberno galego en profesores para impartir esta materia
O secretario de Educación provincial, Carlos Ferreiro, amósase “asombrado pola dobre moral do PP”, que rexeitou as taxas á banca e ás rendas máis altas por ser unha recadación “irrelevante” e agora vende “que os que máis teñen paguen máis” coa comida dos nenos
O PSdeG-PSOE de Lugo sintese “escandalizado” coa nova norma de repago da Xunta nos comedores escolares, pola que agora o 43% das familias terán que abonar o servizo, en lugar do 12% que o viña facendo ata agora. Ademáis, unha cuarta parte dos alumnos terán que pagar a tarifa máxima de 4,5 euros diarios, o que supón, nunha primeira extrapolación aproximada dos datos na provincia, que os pais de “máis de 4.000 nenos e nenas lucenses terán que pagar case 100 euros ao mes de comedor, 200 no caso das familias con dous fillos”, segundo denuncia o secretario de Educación provincial, Carlos Ferreiro.
O socialista considera “un escándalo” que “a comida se pague pero a relixión siga sendo gratis”, cun gasto de 28 millóns de euros do Goberno galego en profesores para impartir esta materia, unha partida similar á dos comedores na que non porpoñen reducións. “Aquí están as prioridades, vese que o PP prefire invertir para que os rapaces alimenten a alma”, ironiza Ferreiro. O secretario de Educación do PSdeG en Lugo lembra que “todos os pais que gañen máis de 1.000 euros netos mensuais pagarán agora o comedor”, no que considera “un novo ataque á clase media traballadora, que xa non pode respirar”, e “un engano máis do Goberno de Feijóo, que no seu programa electoral, que se saiba, non levaba este tema”.
Obter beneficios
Carlos Ferreiro destaca, asimesmo, que a Xunta non só recadará máis a costa dos pais, senón que no caso da tarifa máxima de 4,5 euros, que pagarán a cuarta parte das familias, ata podería obter beneficios, xa que segundo datos dun informe da CEAPA en 2011, o precio medio do custo da comida escolar en Galicia é de 4,1 euros.
Os socialistas censuran “esta nova taxa que encarece o acceso aos servizos públicos” e critican a “insoportable demagoxia” do conselleiro de Educación, que pon como exemplo que as familias que gañan más de 60.000 euros anuais non teñen por que ter comedor gratis. “Iso supón menos do 3% da poboación, e iso tendo en conta que leven os seus fillos a centros públicos”, critica Ferreiro, que lamenta que “o PP xa non colle a ninguén por sorpresa”, xa que o PSdeG lucense xa advertiu hai un mes e medio da intención da Xunta sen obter resposta. “O seguinte será o transporte escolar, isto é unha apisonadora sen límites”, afirma o socialista.