Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo agradece o compromiso posto de manifesto pola Xunta de impulso da concentración de Sasdónigas

Mondoñedo, 7 de marzo de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo agradece o compromiso de Medio Rural, que confirma que este ano delimitará as novas parcelas da concentración parcelaria de Sasdónigas, en Mondoñedo, sobre as que posiblemente podan traballar os novos propietarios durante o 2014.

Desta maneira, dende a Consellería de Medio Rural comprometéronse durante esta anualidade a asinar novos contratos desta concentración parcelaria, máis en concreto o replanteo dos novos predios e colocación de marcos. Esta actuación, priorizada como número un pola provincia de Lugo, suporá un investimento de 33.000 euros.

Asemade, dende o departamento da Xunta de Galicia prevén que no 2014 os novos propietarios poderán comezar a traballar as súas fincas, grazas á toma de posesión provisional das mesmas. Os populares, que explican que este trámite é dende o punto de vista práctico o máis útil, aseguran asemade que estes compromisos foron postos de manifesto polo Director Xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, con independencia de que se seguirá a impulsar o resto do procedemento ata a entrega dos títulos de propiedade aos seus lexítimos propietarios.

Os populares agradecen o compromiso posto de manifesto polo director xeral en resposta a unha pregunta realizada nunha comisión de Medio Rural do Parlamento de Galicia por parte do deputado autonómico, Vidal Martínez-Sierra, sobre as previsións da Consellería do Medio Rural e do Mar respecto ao impulso do proceso de concentración parcelaria de Sasdónigas, no concello de Mondoñedo.

O PP local asegura que se manterá expectante ante o cumprimento destas afirmacións co obxecto de axilizar este proceso de concentración parcelaria retrasado, entre outros motivos, dado os múltiples recursos plantexados polos propietarios que superaban os mínimos esixibles para poder continuar.

Exit mobile version