Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela: “a denominada plataforma da sanidade ou non sabe o que quere, ou defende intereses particulares”

Burela, a 6 de marzo de 2013.- O Partido Popular de Burela saíu hoxe ó paso das declaracións feitas pola denominada plataforma en defensa da sanidade, dado que “semella que os integrantes desta plataforma ou non saben o que queren, ou defenden intereses particulares”.

O PP de Burela considera que “a estas persoas non lles vale nada, nin a ampliación do hospital, nin área de xestión así ou área de xestión de outra maneira, nin tan sequera lles valería un hospital novo se fose posible, porque é evidente que se moven por intereses políticos e porque varias persoas que compoñen a súa dirección defenden exclusivamente o seu status persoal. Teñen que explicarlle á cidadanía por qué defenden os seus status persoais”.

Segundo o PP, “o anuncio de Feijóo foi claro, ‘licitar o proxecto construtivo da ampliación do Hospital neste mes de marzo’. Se Feijóo anunciou na campaña electoral o seu compromiso co Hospital, o pasado sábado dixo que ía ‘blindar os servizos sanitarios da Mariña e do Hospital’, precisamente coa ampliación do Hospital. E isto ós señores e señoras da denominada plataforma non lles gusta. Pois nós pedímoslles que digan claramente por qué non lles gusta, porque os cidadáns está claro que si queren a ampliación do Hospital, e que o primeiro paso está dado co anuncio do Presidente da Xunta que se concretará en breve”.

No que se refire ás provocacións, “resulta evidente que os insultos con cualificativos de ‘asasino’, ‘chorizo’, e outras lindezas como lembrarse da familia de algúns asistentes ó congreso do PP, así como o lanzamento de ovos, tomates, etc., saíron de grupos de asistentes á concentración vinculados cos denominados partidos ‘progresistas’. Se a denominada plataforma fose seria, ademais de ter un servizo de orden rigoroso, e non cinco, como dixeron que tiñan, o que é unha auténtica farsa, condenaría inmediatamente tales condutas, mostra de agresividade verbal e física, e non atacaría a acción das forzas de seguridade, que se limitaron a garantir os dereitos de manifestación e de reunión”.

Ademais, desde o PP de Burela afirman que “membros da denominada plataforma estiveron calados e vivindo ben, cobrando bos soldos e traballando pouco, durante a xunta bipartita, e nada dixeron naqueles catro anos sobre a ampliación do Hospital. Resulta moi sospeitoso que agora se convertan en defensores da ampliación”.

Finalmente, “o dano á economía local foi real, o que se manifesta logo de ter falado con donos de locais de hostalería. Outra cousa é que algún destes señores sexan capaces a velo, cando son coñecidos por formar parte dos piquetes que folga tras folga se encargan de intimidar e ameazar ós comercios e bares para que pechen”.

Exit mobile version