Santiago, 22 de marzo de 2013.- O Grupo Parlamentario Popular incorporou á orde do día do Pleno do Parlamento que se celebra a vindeira semana a proposición non de lei –da que é autor Jose Manuel Balseiro- a través da que se ten previsto demandar da Unión Europea un novo marco normativo que flexibilice a prohibición dos descartes pesqueiros proposta polo Parlamento europeo.
Malia que respecto desta cuestión existe unha clara discrepancia entre a proposta efectuada polo Parlamento Europeo –moito máis restrictiva- e o Consello de Ministros de Pesca da UE –moito máis ampla- os populares consideran axeitado que Galicia, como principal potencia pesqueira, achegue ata Bruxelas un acordo unánime en defensa dunha postura máis flexible e polo tanto máis acorde cos intereses da flota galega. Nesa liña espera contar co apoio dos partidos da oposición, incluído o PSOE que no seu momento non estivo do lado dos intereses da nosa flota, cando tivo lugar a votación deste asunto na Eurocámara.
“Pedimos que o Parlamento inste á Xunta a dirixirse á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo e ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea para reclamarlles un acordo que desenvolva un novo marco normativo no ámbito da xestión das capturas accesorias que flexibilice a prohibición dos descartes pesqueiros proposta polo Parlamento europeo”, concretou o portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro.