Ribadeo, 22 de marzo de 2013. Os establecementos comerciais asociados a ACISA abrirán as súas portas o próximo 28 de marzo, Xoves Santo, pola mañá.
Segundo explican desde a directiva “o obxectivo é atender nas mellores condicións posibles aos miles de visitantes que agardamos cheguen a Ribadeo a pasar a Semana Santa. Virán a desfrutar da nosa exquisita gastronomía, da beleza da nosa ría, da praia de As Catedrais, do porto deportivo… e farán as súas compras no comercio tradicional de Ribadeo, un referente na Mariña lucense e no Occidente asturiano”.
Dende ACISA recordan que “o comercio pecha, como é tradición o día de Venres Santo, pero estará aberto de novo no seu horario habitual o sábado, pola mañá e pola tarde, e coma sempre o domingo pola mañá. O domingo é unha xornada na que moita xente se achega a Ribadeo a facer as súas compras, porque dispón de máis tempo libre, de máis relax para desfrutar do ocio… A hostalería e o comercio non teñen descanso nestas datas, unhas das máis importantes do ano xunto á época estival”.
ACISA agarda “unha afluencia moi importante de turistas durante a Semana Santa a Ribadeo. Hai algúns hoteis que rozan o 100% de ocupación nos días fortes, que son os festivos, e outros moitos que tamén nos comentan que xa teñen unha boa ocupación, aínda que é certo que cada vez máis as reservas se deixan para última hora”.
A directiva da Asociación de Comerciantes, Industriales, Servicios e Autónomos de Ribadeo anima “aos turistas a achegarse a Ribadeo a pasar uns días, a coñecer o casco histórico, o porto, Rinlo, As Catedrais, a facer as compras no noso comercio… As tendas locen xa toda a moda primavera-verán. E a saborear os exquisitos pesacados e mariscos do Cantábrico u outras especialidade da gastronomía galega e asturiana, que poderán atopar nos restaurantes e mesóns da localidade”.