Site icon Crónica3.com A Mariña

Colexios de Burela e Asociación de Axuda ó Enfermo Mental participarán no xogo de pistas ‘Qué árbore é’

Burela, 12 de marzo de 2013. Gaia pon en marcha nos CEIP de Burela por cuarto ano consecutivo e por primeira vez na Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña o xogo de pistas Qué árbore é? para conmemorar o día mundial da árbore, segundo anuncia hoxe a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo.

A edil popular sinala que “o 21 de marzo, conmemórase o Día Mundial da Árbore. Tal efeméride, aínda que con datas de celebración distintas nos diversos países, foi instaurada por primeira vez en Suecia, en 1840 cando se empezou a tomar conciencia da importancia dos recursos forestais. As árbores están xunto ao ser humano dende o principio da nosa historia, polo que os seus beneficios son coñecidos e aproveitados desde miles de anos”.

As monitoras do Centro Gaia organizan o xogo de pistas baixo o título Qué árbore é? para conmemorar esta efeméride. López Eijo explicou que “a través desta actividade preténdese sensibilizar aos alumnos da importancia de respectar a natureza: as árbores resultan esenciais para a vida porque purifican o ambiente, osixenan o aire, proporcionan sombra, humedecen a atmósfera, reducen o ruído, serven de refuxio a moitos animais e proporcionan madeira. Demasiadas veces as accións humanas poñen en risco a supervivencia do bosque e polo tanto a nosa. Os incendios forestais, a deforestación, os monocultivos… supoñen unha irreparable perda de biodiversidade, ademais de causar outros graves problemas ambientais como son a desertización, o efecto invernadoiro ou o cambio climático”.

O xogo de pistas Qué árbore é? foi presentado ao longo da semana pasada nos 2 centros de ensino do concello (CEIP Vista Alegre e CEIP Virxe do Carme) aos alumnos de 2º, 3º, 4º, 5º, e 6º e na Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña. As monitoras do Centro Gaia colocarán durante esta semana as 5 pistas identificativas da árbore que van plantar nos distintos centros, árbores doadas pola Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela.

O 21 de marzo as monitoras anunciarán no taboleiro os gañadores de cada centro e ese mesmo día plantarase en cada centro a árbore correspondente ás pistas do xogo.

Exit mobile version