Foz a 22 de marzo de 2013.- O BNG levará ao próximo pleno unha moción de rexeitamento ao anteproxecto de Lei de reforma da administración local, aprobado o pasado 15 de febreiro polo Goberno central, porque pretende mudar de xeito substancial o papel dos concellos, cun maior impacto nos de menor tamaño, que son a ampla maioría en Galiza.
A intención prioritaria desta reforma do réxime local é reducir e adelgazar o ámbito de actuación dos concellos, cun recorte severo dos servizos que prestan, e reforzar a institución provincial que é o ente máis prescindíbel do entramado institucional actual. É unha limitación antidemocrática para os concellos que teñan vontade de exercer a través da iniciativa pública tanto o reforzo de servizos públicos como o estímulo de actividades económicas locais porque estarán obrigados por esta lei a transferir ditas competencias a outros organismos provinciais ou autonómicos. Establece que no prazo dun ano os concellos deberán traspasar por completo as súas competencias de servizos sociais ás autonomías, e en cinco anos, as sanitarias. O traspaso non virá acompañado de nova dotación de fondos, polo que a reforma podería aumentar aínda máis os recortes orzamentarios que se produciron en materia de financiamento local todos estes anos.
Para o BNG esta lei é moi perniciosa porque introdúcense mecanismos que abocarán ao deterioro, e mesmo supresión, de prestacións e servizos públicos básicos dos concellos, afectando directamente á veciñanza, sobre todo ás persoas con menos recursos. Como consecuencia, un gran número de postos de traballo veranse afectados coa destrución de moitos empregos públicos porque pasarán estes servizos a estar contratados con empresas do sector, como en gran medida xa estaba pasando en Concellos coma os de Foz. É dicir, favorecerá aínda máis a privatización dos servizos públicos.
Ademais, esta reforma reforza o centralismo político e administrativo, pois deseña un réxime xurídico e organizativo homoxéneo dos concellos galegos cos do resto do Estado, a pesar das fondas diferenzas en canto ao modelo de asentamento e organización territorial. Desde o nacionalismo galego sempre se tivo unha visión crítica coa articulación legal e administrativa centralista, por ser allea á realidade de Galiza. Con estas medidas, moi calculadas, péchase calquera posibilidade de que Galiza deseñe un mapa local acaído á súa realidade e que regule sobre a organización, as funcións e competencias das entidades locais, é dicir, quítalle soberanía e capacidade de decisión ao noso pais.
A reforma consagra a máis absurda duplicidade do actual mapa institucional no Estado español, que é a persistencia das deputacións provinciais, que sairán reforzadas á hora de asumir servizos municipais, cando o máis lóxico sería afrontar a súa definitiva desaparición. O traslado ás deputacións de determinados servizos locais é un despropósito, pois estes servizos non teñen ningunha base provincial. Sabemos que suprimindo as Deputacións, o aforro podería alcanzar polo menos os 1.000 millóns de euros anuais tan só en Galiza. Esta reforma en lugar favorecer este proceso de eliminación, incrementa extraordinariamente o seu poder.
En suma, estamos ante unha proposta que afondará na homoxeneidade e na capacidade da administración central de intervir na dinámica local, a fin de impor as políticas antisociais e de relegación do papel do sector público a todos os concellos, como continuidade ás reformas regresivas xa aprobadas e ao deterioro democrático.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a retirada do Anteproxecto de Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, unha reforma constitucional que suprima as deputacións provinciais, presentar un plan de financiamento dos concellos, que lles permita custear os servizos públicos locais e unha reforma do réxime local que deixe en mans das Comunidades Autónomas un amplo marxe de regulación sobre a organización, as funcións e competencias das entidades locais, a fin de adaptar o mapa local á realidade de cada territorio co obxectivo de racionalizar o mapa institucional en coherencia cun aproveitamento e administración eficaz dos recursos públicos.