Castiñeira saiu moi contento da reunión que mantivo no Ministerio de Cultura
Foz, 13 de marzo de 2013. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, entrevistouse en Madrid co director general de Bellas Artes y Bienes Culturales, Jesús Prieto de Pedro, para solicitarlle axuda do Ministerio de Cultura destinada á compra dos terreos do castro de Lelle.
Despois da reunión, na que participou tamén o senador lucense José Manuel Barreiro, o rexedor municipal focense amosouse “moi satisfeito desta visita ao Ministerio de Cultura, concretamente á Dirección General de Bellas Artes y Bienes Culturales, porque puiden explicarlle ao director general, don Jesús Prieto, a peculiaridade deste xacemento arqueolóxico que é o castro de As Engrobias ou de Lelle, en San Martiño. Coa interlocución do portavoz do Partido Popular no Senado, don José Manuel Barreiro, foi moito máis fácil”.
Castiñeira explicou que trasladou ao Ministerio de Cultura “o interese, tanto no campo do patrimonio histórico como no aspecto turístico, deste xacemento do século II, que está moi cerca da catedral basílica de San Martiño de Mondoñedo, do século IX, e dentro da ruta Pardo de Cela”.
O alcalde anunciou que “o compromiso por parte do director general é estudar con moito cariño este asunto, posto que o interese é evidente tamén para o Ministerio de Cultura e estamos buscando a forma de lograr que a propia Dirección General de Bellas Artes y Bienes Culturales poida participar no financiamento da protección deste xacemento xunto co propio Concello e con outras administracións. Todos desexamos que isto supoña o principio para conseguir a protección total desta zona duns 15.000 metros cadrados, que está en mans privadas, e o primeiro obxectivo é a compra dos terreos para o Concello de Foz. A partir de aí a posta en valor correspondería a outras administracións e neste empeño está o Concello de Foz e tamén a Dirección Xeral de Patrimonio, da Xunta”.
“Saín con moi boas sensacións da reunión e espero que pronto teñamos boas noticias e consigamos os medios suficientes para que o Concello de Foz sexa o propietario deste xacemento en datas próximas”, rematou Javier Castiñeira.