Cervo, 6 de marzo de 2013-A delegación de Igualdade vén de pechar hoxe o prazo para apuntarse naquelas actividades incluídas no programa do Día Internacional da Muller Traballadora que precisaban inscrición. En total, a Concellería anotou a máis de 130 mulleres no Café Bombón e na cea que se celebrará o 8 de marzo.
A edil de Igualdade, Pilar Armada, manifestou a súa satisfacción “pola excelente acollida destas dúas actividades” e ao mesmo tempo, transmitiu o seu desexo de que “o resto de actos que non precisaban inscrición tamén rexistren bos resultados de participación e, o máis importante, que sexan do agrado do público”. E é que hai que destacar que hai outros eventos programados que están abertos e aos que poden acudir todas as persoas que o desexen.
A concelleira di que haberá que agardar ao desenvolvemento das actividades para facer un balance máis exhaustivo pero, cos datos de inscrición na man, “xa se pode facer unha primeira valoración, moi positiva”. Unha acollida que, para Armada, “está directamente relacionada con que este ano as tres asociacións de mulleres traballasen xuntas por primeira vez para organizar os actos deste día tan especial”. É por iso que a edil quixo aproveitar para dar as grazas “ás directivas e ás socias das tres entidades que fixeron posible un programa completo e con estes excelentes niveis de participación”.
Programa
Os actos comezarán ás 16:00 horas cunha homenaxe á muller cervense, e continuarán co Café Bombón para o que xa se pechou a inscrición. Unha actividade que inclúe limpezas de cute nas que colabora a parafarmacia Hedra. A partir das 19:00 horas iniciarase a lectura de manifestos por parte das tres asociacións organizadoras, como son Mulleres de San Ciprián, Alborada e Mulleres Rurais As Espalladoras. Media hora máis tarde comezará un espectáculo con monólogos, historias e maxia. Xa pola noite, a partir das 22:00 horas, terá lugar a cea no restaurante Buenavista, para a que tamén se pechou a inscrición e na que se entregarán os premios do Campionato de Tute e Parchís. A noite rematará cun baile. A Casa do Mar será o lugar central das actividades.