Site icon Crónica3.com A Mariña

Lugo será escenario da entrega dos Premios do Deporte Galego 2012

PREMIOS DEL DEPORTE GALLEGOO secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou que os Premios do Deporte Galego, que serán entregados o vindeiro xoves, 21 de marzo, en Lugo, recoñecen e agradecen a labor dos múltiples axentes “que fan do noso deporte un auténtico patrimonio que sempre nos da moitas alegrías.”

Os Premios do Deporte Galego 2012 que, en palabras de Lete Lasa, son a “principal cita anual do deporte da nosa Comunidade” xunto ás Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia, serán entregados a vindeira semana nunha gala que presidirá o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

Durante a súa intervención na presentación deste evento, na que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Lugo, Lete Lasa salientou que estes galardóns “veñen recoñecer o máis destacado no noso amplo e rico espectro deportivo”, representado nas 17 categorías dos premios que abranguen os múltiples axentes: deportistas, clubs, adestradores, árbitros e entidades de promoción do deporte galego, como os patrocinadores ou os medios de comunicación, entre outros.

O secretario xeral para o Deporte puxo de relevo que na edición deste ano terán un especial protagonismo galegos que participaron no Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Londres 2012. “Realizaremos un especial recoñecemento a todos os galegos e galegas que nos teñen representado na capital británica na que, sen lugar a dúbidas, é a máis exixente cita a nivel mundial á que calquera deportista pode enfrontarse na súa carreira”, abondou.

Nesta liña, destacou que na cita olímpica e paralímpica de Londres oito deportistas galegos “volveron a casa con dez medallas”, e fixo unha mención especial a David Cal, “convertido no deportista español con máis medallas nuns Xogos Olímpicos”, dixo; unha circunstancia que, xunto á súa “excepcional” traxectoria deportiva, ten motivado que a Xunta de Galicia presentara a súa candidatura ao Premios Príncipe de Asturias dos Deportes. Lete Lasa expresou, ao respecto, o seu desexo de que “estas certas e irrefutables aptitudes do noso excelente padexeiro sexan valoradas polo xurado”, concluíu.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, agradeceu a elección da cidade das Murallas para a celebración do acto de entrega destes premios, o que “sen dúbida –asegurou-, é un recoñecemento especial ao deporte lucense, tan ben representado –dixo-, non só nos deportes de equipo, senón tamén naqueles deportistas que en disciplinas individuais levan o nome de Lugo alá onde participan en probas deportivas”.

Así, grazas ao traballo da Secretaría Xeral para o Deporte, o próximo xoves 21 de marzo, “Lugo converterase no centro do deporte galego e, unha vez máis –aseverou Raquel Arias-, teremos a oportunidade de abrir o edificio da Xunta de Galicia á sociedade, dándolle un uso máis festivo a unhas instalacións ás que os cidadáns normalmente acoden por circunstancias distintas”.

Exit mobile version