Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia cualifica de “firme” o compromiso do presidente da Xunta co Hospital da Costa

Burela, 7 de marzo de 2013. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, cualifica de firme o compromiso do presidente da Xunta co hospital da Costa e insiste en que o equipo de goberno burelés e o PP defenden os intereses do conxunto dos veciños e veciñas da comarca da Mariña.

O rexedor sinalou que “si alguén me pide que saia defendendo o hospital da Costa salgo a defender a ese centro, aos usuarios dese centro e á ampliación do hospital. O que non salgo é a defender os intereses particulares de certas persoas, como algún membro da plataforma que cobra da Deputación de Lugo, pero o seu posto de traballo está na sede comarcal do BNG en Foz”.

González Barcia reiterou que “estou a favor da ampliación do hospital, estou a favor de que teña máis e mellores servizos e estou a favor de que o hospital teña a suficiente autonomía. Insisto: non estou disposto a aguantar e escoitar a persoas que no seu momento ocuparon cargos de responsabilidade con bos soldos no hospital da Costa durante a Xunta bipartita e daquela, que tamén era necesaria a ampliación deste centro, calaron a boca”. O alcalde de Burela lembrou que “asistín na miña época anterior de alcalde a unha xuntanza coa conselleira de Sanidade, Mª José Rubio, na que dixo que se esqueceran da ampliación do hospital e algunhas persoas que están agora a formar parte da dirección desa pretendida plataforma pola sanidade pública naquel momento estaban nese encontro e calaron a boca. Esas persoas teñen que dar cara e dicir qué intereses defenden, si son os dos liberados sindicais, etc”.

O rexedor burelés subliñou que “nós desde o PP defendemos os intereses do conxunto dos veciños desta comarca e o paso dado por Alberto Núñez Feijoo é importante, porque si o presidente da Xunta na campaña electoral fixo o anuncio que fixo comprometéndose á ampliación do hospital da Costa nesta lexislatura, todo o mundo ten que entender que o primeiro paso é facer o proxecto de construción e iso foi o que anunciou o outro día aquí en Burela. E nese proxecto de construción aparecerá con detalle qué tipo de ampliación se vai levar a cabo, qué inversión se vai facer e o prazo de execución das obras”. José Mª González Barcia cre que “o compromiso é máis que firme. Agardo e confío que a maioría dos cidadáns que o outro día acudiron á concentración de boa fe están satisfeitos co anuncio feito polo presidente da Xunta, porque Núñez Feijoo cumpre a diferenza doutros, exactamente igual que cando veu a Foz e dixo que o asunto do subministro enerxético a Alcoa estaba en vías de solución e cumpriu”.

Día internacional das mulleres

Nesta xornada o alcalde tamén se referiu ao día internacional das mulleres: “Quero felicitar á concelleira delegada de Servizos Sociais e de Igualdade, Diana Durán, co seu equipo e tamén felicitar a agradecerlles ás asociacións de mulleres a súa colaboración pola organización destes actos. Os que se van desenvolver en Burela o sábado, 9 de marzo, son moi sinxelos. Simplemente recolleremos as experiencias de catro mulleres que viven aquí en Burela e que no seu tempo estiveron no estranxeiro como emigrantes ou que son inmigrantes agora aquí, faremos unha pequena homenaxe a unha muller moi querida aquí en Burela que por desgraza nos deixou para sempre hai un mes e que foi unha mestra de grato recordo para moitas mulleres de Burela dona Carmen Iravedra e logo haberá un xantar, organizado polos propios colectivos de mulleres, para reivindicar o papel que a muller ten dentro do campo laboral e dentro do conxunto da sociedade e que ás veces non é suficientemente recoñecido”.

Bolsa de emprego

Sobre a bolsa de emprego do Concello José Mª González Barcia destacou a importante labor que está a realizar, “as xuntanzas que temos con parados o que fan é encauzar a esas persoas que están nunha situación crítica a encontrar unha solución ao seu problema. Penso que estamos actuando dunha forma máis que correcta, comprometidos co emprego e co desemprego, comprometidos coa formación e aí están ese case medio millón de euros aportado nos últimos meses pola Xunta de Galicia para estas políticas activas que estamos a desenvolver”.

Exit mobile version