Con esta liña de financiamento, o presidente cumpre coa palabra dada ó concelleiro que reclamou axuda ó organismo provincial ante a falta de recursos municipais e da resposta da administración galega coas competencias na materia. A Lei de Emerxencias de 2007 di, textualmente, que “corresponde a la Xunta de Galicia la gestión de las emergencias que superen los medios de respuesta de que disponen las entidades locales”. Esta situación fixo que, dende o 16 de decembro, tres persoas dunha mesma familia de Pausalido estivesen illados, recibindo axuda diaria por parte do Concello de Mondoñedo, que puxo á súa disposición medios persoais e técnicos. Durante estes tres meses, dúas persoas da entidade local están pendentes cada día de recoller a unha cativa, ás oito da mañá, cun tractor e un todoterreo, para levala á parada do autobús escolar máis próxima. Pola tarde, volven a recollela. Ademais, encárganse de levar á vivenda o que necesiten, dende comida ata material para atender a explotación gandeira.
“Garantir os mesmos dereitos ós veciños, vivan onde vivan”
O titular provincial subliñou que, tendo en conta que a xestión de emerxencias non é competencia das Deputacións senón da Xunta de Galicia, “a única fórmula que atopamos para poñer fin a esta situación é facer unha transferencia de cartos ó Concello, que terá que devolver en 3 anos, xa que estamos ante problema nunha vía municipal debido ás condicións climatolóxicas, que provocaron emerxencias como esta en toda Galicia. Buscar culpables non serve de nada cando o problema, neste caso unha familia incomunicada, segue aí. Hai que actuar e executar as competencias para garantir os mesmos dereitos e deberes a todos os veciños, vivan onde vivan, na Coruña ou nesta parroquia de Mondoñedo”.
Acondicionamento dun novo espazo público en Alcántara
O presidente e o concelleiro supervisaron os traballos que a Deputación iniciou hoxe mesmo en Mondoñedo, “respostando a un proxecto solicitado por Modesto Díaz”. Gómez Besteiro explicou que se trata do acondicionamento brando (ó non ser asfalto) e transitorio (xa que se empregará en determinadas ocasións) dun novo espazo público na praza de Alcántara, concretamente detrás dos xulgados, para facer fronte á presión do automóbil que sofre o centro desta localidade. O Presidente subliñou que a institución luguesa executa estes traballos coas instruccións dos técnicos municipais para respectar o casco histórico. Ademais, faino con medios propios, empregando as máquinas do Parque Móbil Provincial, optimizando os recursos do organismo lugués e aforrando cartos ás arcas municipais.