Tralo exitoso aberto da tarta de Mondoñedo, a serpe multicolor da LNB segue a facer camiño cara a capital donde se celebrará o vindeiro 16 de marzo ó “VI Aberto cidade de Lugo”, correspondente a 9ª xornada da liga regular, nembargantes facemos un alto, non para tomar folgos, que nos sobran, senón para dar continuidade ao ALL STARS. Unha competición-exhibición que tódolos anos vimos facendo en escenarios itinerantes e que no 2013 recalou en Muimenta donde a asociación Carabullo foi a encargada de xestionar, de forma maxistral coma sempre, todo o relacionado co torneo.
Unha formidable mostra de TRIPLAS, de MATES e o gran ABERTO DAS ESTRELAS, fixeron a ledicia de tódolos palanadores e xeareiros que se achegraon ata o pavillón deportivo Javier López Anllo de Muimenta a participar ou simplemente a gozar dun espectáculo único e que sóo pode verse na LNB.
O comezo estaba fixado para, as12,00 h. dar a saída co concurso de triplas, pero como nós vamos por libre e iso da puntualidade inglesa nin mentala, comezamos cando se puido e dando ainda posibilidades aos mais rezagados para que poideran participar cando chegaran. Así pois sin presa pero sin pausa, arrincou o ALL STARS 2013.
A primeira proba da xornada foi o lanzamento de triplas: 25 billardas ao redor da liña de área en feixes de cinco en cinco, e un minuto de tempo para facer as mais dianas posibles no varal. Proba de rapidez e puntería na que non todos deron acabado en tempo. Dominou Daniel, de Billardeiros Musicais, que disparou tódalas billardas e foi quen máis dianas conseguiu. Para o segundo e terceiro posto tiveron que facer rolda de desempate Miguel Morán de Carabullo e Javi de Remourelle Bulls (a nova fichaxe que comeza forte a súa andaina). Ó novato pesoulle a responsabilidade e non puido completar un bó recorrido, maila todo o terceiro posto é todo un logro.
O concurso de mates retomouse despois do xantar. Aquí os palanadores/as amosaron inxenio e moita habilidade no dominio do palán e das billardas. Foron moitas e variadas as figuras e atrevemenos dos xogadores. Quen tenta tirar de costas, quen sube dúas billardas a vez, quen combina golpes de pe ou de peito co palan, etc. etc. O xurado non o tivo doado, pero finalmente o seu veredicto foi este: 1º Markytos (“Billardeiros Musicais”) co mate “dous por un” para o que necesitou dous intentos. 2º Miguel-Diego (“O Cadaval”) co mate “pé, peito e dentro”, tiveron que porse as pilas pero finalmente no terceiro e derradeiro intento saiuslles ben. E 3º Daniel-Geni (“Billardeiros Musicais”-”Os Outros”) co mate “zúrralle ao poste”, saiulles ó primeiro intento.
A continuación disputouse o aberto das Estrelas. Cada palanador disputou cinco carreiras para acadar ó máximo de puntos posibles. Todos deron mostra de unha moi boa preparación e concentración máxima. So un pleno se produxo: Coedo de “Billardeiros Musicais” doblegou a tódolos rivais e fíxose ca cachucha do porco. No segundo e terceiro posto quedaron Xosé de “Tropa Lixeira” e Alberte de “Cochiqueiros” logo dun desempate con Xermán, Tonecho e Oscar que quedaron fora do podio.
Tódolos premiados no ALLSTARS 2013, recibiron os xa tradicionais premios da cachucha, os uños e os rabos de porco, xunto cunhas artísticas e exclusivas bandexas de diseño. A Billarda non para! Vémonos en Lugo o 16.