Espazo Ecosocialista cre que as mulleres ao fronte son necesarias para novo proceso constituinte e os seus dereitos deben estar no centro da nova democracia
A crise económica e a degradación da democracia está a facer retroceder os dereitos das mulleres
Este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, ven marcado pola crise económica e polo esgotamento do modelo político-institucional saído da transición. A perda de conquistas sociais e dereitos políticos dos últimos tempos ten nas mulleres ás súas principias afectadas.
Espazo Ecosocialista considera que os dereitos das mulleres deben estar no centro da nova democracia e súmase neste día a todas as mulleres que defenden a súa participación en pé de igualdade co home na sociedade e o seu desenvolvemento íntegro como persoas.
Asistimos no contexto actual ao final dun sistema social e económico. Estamos nun fin de época e o modelo alternativo que propugnamos apela a novas relacións sociais baseadas nos valores cívicos e democráticos. As actuacións decididas de toda a sociedade en todos os ámbitos posibles, sociais, políticos, económicos e culturais, que permitan a superación dos actuais obstáculos que dificultan ou imposibilitan a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, servirán tamén de cerne para a transformación social. O cambio non será posible sen contar co 50% da sociedade.
Espazo Ecosocialista considera que as mulleres, particularmente as mozas, vense hoxe moito máis afectadas pola perda de postos de traballo e pola maior precariedade nos postos que ocupan na situación actual de masiva destrución de emprego. Os datos de poboación activa de 2012 son desoladores, con 6 millóns de parados. Á redución do sector público polo desmantelamento de servizos por parte das administracións, xúntaselle a caída do sector privado. En Galicia, no ano 2012, só 483 900 mulleres estaban empregadas, o que representa unha taxa de actividade do 50%.
Nesta situación as ecosocialistas lembran que a situación das mulleres no desemprego é moito peor ca dos homes, estas están menos protexidas e durante menos tempo debido precisamente a súa peor situación laboral. Os empregos das mulleres concéntranse no sector servizos, con empregos precarios, temporais e a tempo parcial. Os sectores de actividade feminizados comparten a miúdo un baixo prestixio social e salarios cativos. A brecha salarial de xénero, que no 2012 situouse no 22%, é factor tamén está a influír na feminización da pobreza e da exclusión. As prestacións sociais contributivas, como o paro e a xubilación, vense directamente afectadas polo menor salario.
A Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948 proclama que todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos, e que toda persoa ten todos os dereitos e liberdades sen distinción de sexo. Por isto, as dimensións da igualdade de xénero deben estar presentes nas actuacións que se desenvolvan para saír da actual situación en todos os seus niveis.
As ecosocialistas queremos facer unha mención especial ao esforzo das organizacións de mulleres que historicamente traballaron (e seguen a traballar) pola igualdade plena entre mulleres e homes.
Espazo Ecosocialista quere tamén lembrar o lema da ONU para o 8M de 2013 que é precisamente Unha promesa é unha promesa: é a hora de actuar para acabar coa violencia contra a muller. A violencia de xénero supón a vulneración máis frecuente dos dereitos humanos no mundo e a súa causa hai que búscala na discriminación que sufren as mulleres respecto aos homes. A comunidade internacional debe comprometerse moito máis firmemente para acabar co sufrimento das mulleres e eliminar toda forma de discriminación contra a muller.
Espazo Ecosocialista aproveita a conmemoración do Día Internacional das Mulleres para afondar na construción dunha sociedade sostible, democrática e pacífica, con plena igualdade entre homes e mulleres, sen violencia de xénero, sen discriminación en razón de sexo. No proceso constituinte que reivindicamos só a transformación social e o traballo conxunto de homes e mulleres nos novos papeis que a sociedade demanda conseguirá modificar o rol que xoga a muller, así como a plena igualación en dereitos entre homes e mulleres en todos os aspectos, traballo, política, familia e vida social en xeral.
Hoxe máis que nunca faise necesario encetar un novo proceso constituínte que amplíe os dereitos sociais e as liberdades, pero conscientes de que sen mulleres ao fronte non haberá unha nova democracia.
Espazo Ecosocialista Galego, xunto con Alternativa Galega de Esquerda (AGE) apoia e participa nas accións e iniciativas que as organizacións de mulleres convocan en toda Galicia arredor da data do 8 de Marzo.