Cervo, 13 de marzo de 2013-A asociación Cabaleiros do Xunco volve organizar un ano máis a Ruta do Poldro, unha cita que este ano chega á súa quinta edición. A actividade terá lugar o domingo 14 de abril, e consistirá en percorrer a cabalo un itinerario de 20 quilómetros por camiños e pistas do municipio.
Trátase dun evento non competitivo no que o obxectivo é “convocar aos afeccionados aos cabalos a compartir unha xornada de encontro con outros xinetes” tal e como explicou o edil de Zona Rural, José Ramón Soto na presentación da ruta, na que tamén estivo o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o presidente da asociación, Julián Otero e o vicepresidente e tesoureiro, Abelardo Lestegás.
Durante a presentación deron a coñecer o traxecto, que se mantén case invariable con respecto á edición anterior. Deste xeito a saída está prevista para as 9:30 horas dende O Guioncho, onde se servirá un almorzo, para continuar por Gondrás, Castelo, A Senra, Viladesuso, San Ciprián e Lieiro, rematando de novo no Guioncho, onde todos os xinetes compartirán unha comida. A organización agarda que se manteñan os niveis de participación doutras edicións, nas que se chegou ás 60 persoas procedentes de distintos puntos de Galicia e de Asturias.
O prazo de inscrición está aberto ata o 7 de abril e para anotarse é necesario poñerse en contacto coa asociación nos teléfonos 636 94 08 88 ou no 625 06 77 43. A ruta, organizada pola Asociación Cabaleiros do Xunco, conta coa colaboración do Concello de Cervo e do Inludes.