A Plataforma valorou a aprobación onte polo Consello da Xunta do Decreto de Xestión Integrada para A Mariña, Monforte e Lugo como “a certificación do engano masivo ao que nos someteron durante os últimos dous anos tanto o goberno galego como os dirixentes e alcaldes do Partido Popular na comarca”. Cando fai dous anos o Presidente e a Conselleira de Sanidade comprometían “a total autonomía de xestión do xerente do Hospital da costa sobre “todos os recursos humanos, económicos, infraestruturas e prestación de servizos do Hospital da Costa e os centros de saúde da área” estaban mentindo como se demostra agora coa aprobación do decreto que transfire a un xerente provincia situado en Lugo toda a xestión sanitaria da provincia convertendo aos xerentes dos hospitais da Costa e Monforte en simples executores das ordes emanadas da nova xerencia provincial.
É absurdo e desesperante ver como os mesmos alcaldes e dirixentes populares encabezados polo Secretario Provincial do PP, Sr. Balseiro, continúan tratando de confundir coas mesmas mentiras despois de ver como a prometida autonomía quedou en papel mollado coa aprobación do decreto. En 2010 repartían un panfleto asegurando autonomía de xestión e mentiron, hoxe continúan na mesma liña.
OS ORZAMENTOS DA XUNTA DE 2013 SON CLAROS EN CANTO Á PERDA DE AUTONOMÍA ORZAMENTARIA DAS ÁREAS QUE DESAPARECEN A FAVOR DA XERENCIA INTEGRADA.
Dende a Plataforma convidaron a calquera con interese que revisen os orzamentos da Xunta de 2013 para verificar os seus argumentos, nesa documentación aparecen claramente recollidas partidas económicas para gastos correntes e investimento real para o hospital da Costa que desaparecerán en 2014 para quedar integrados no orzamento da área de Xestión Integrada de Lugo, Monforte e A Mariña cun xerente provincial que dende Lugo decidirá sobre os recursos económicos, persoal, infraestruturas e prestación de servizos de toda a provincia como xa sucede coas áreas do Barco ou o Salnés por poñer dous exemplos que xa viron reducidos os seus servizos e facultativos tanto nos hospitais como nos centros de saúde asociados.
Na Mariña sucederá o mesmo que xa se está executando no Salnés ou no Barco, médicos especialistas van a pasar consulta “só para primeiras citas, no resto do tratamento os pacientes vense obrigados a desprazarse a Ourense para continuar cos seus tratamentos”, ese é o destino do hospital da Costa con este Decreto, “convertelo nun ambulatorio grande e baleiralo de servizos nunha folla de ruta que o PP galego segue ao ditado do modelo madrileño”.
Por último fan un chamamento a participar na concentración convocada para mañá sábado ás 12:30 no Hospital da Costa para demostrar que na Mariña non imos estar calad@s diante do desmantelamento dos servizos sanitarios públicos na comarca.