A paixón, morte e resurrección de Xesús é o gran pivote sobre o que xira a doutrina cristiá, e celébrase na liturxia da Semana Santa. Ó longo dela actos piadosos e desfiles procesionais, que amosan a relixiosidade das xentes, son ó tempo expresións culturais enraizadas nos crentes. Así é onde a historia e a arte deixaron a pegada do sentido e a beleza; tal ocorre en San Martiño pois “as paredes da basílica única condensan a humidade dos séculos de oracións camponesas…” que dixera o seu feligrés vitalicio, o profesor Ramón Reimunde. No Concello de Foz a celebración ten alí o seu cume, que se relaciona co que o cenobio representa na historiografía da igrexia diocesana e onde a Confraría do Desencravo esmérase cada ano en conservar e potenciar os tradicionais valores que a conforman. A austera monumentalidade ofrece un marco idóneo para estas manifestacións, e dos anos adolescentes lembramos cómo nestes días, en especial para asistir ó desencravo, acudían xentes de toda a bisbarra, e a vella catedral era punto de encontro de xoves e vellos que mantiñan unha tradición que, tras un lapsus decadente, hai unha ducia de anos voltou con especial ímpeto da man dos seus promotores, a Confraría, que en cada edición mellora un programa que coidando os detalles e introducindo novidades de calidade e bo gusto, van conseguir que aquel se converta en acto relixioso-cultural punteiro en boa parte da Mariña, pois é difícil atopar contorno mais axeitado: a austeridade dos vellos muros; o silencio que mesmo se escoita; a sobriedade enmarcada polas pedras que, en verbas de A.Cunqueiro, “parecen labradas por mans imposibles”; todo predispón á reflexión e á consideración persoal e íntima de fondos sentimentos, inmerso na paz bucólica que o arrodea e o acougo anímico estimulado por tan engaiolante vivencia. Mañá inicia os actos da Pascua o pregón do vello amigo Saros, focego da diáspora, nado no lugar, do que é admirador e apaixonado amante. O epílogo resoará nas vetustas naves coas voces da Coral Polifónica, todo un luxo, en marco de excepcional acústica. Sen dúbida, unha emotiva xornada.
Suso Fernández