A Deputación de Lugo activou este martes un operativo de emerxencias, dentro do Plan Invernal de Estradas, ante as previsións meteorolóxicas adversas, que indican o descenso da cota de neve ata os 400 e 600 metros dende esta noite ata o xoves pola mañá nos Concellos da Montaña. De feito, segundo Meteogalicia, esta zona da provincia lucense estará mañá mércores en alerta amarela por acumulación de neve. O dispositivo, dependente do departamento provincial de Vías e Obras, está composto por 102 operarios e 54 máquinas, que garantirán a circulación e a seguridade dos condutores ata que remita o temporal, previsiblemente o xoves pola mañá.
A institución lucense xa atendeu esta mañá as primeiras incidencias nos Concellos de Cervantes e Pedrafita, mobilizando catro máquinas quitaneves, que despexaron catro vías provinciais: tres en Cervantes (CPs 0702, 1412 e 1409) e unha en Pedrafita (CP 4504).
O operativo activado forma parte do Plan Invernal 2012-2013 que puxo en marcha a Deputación de Lugo a primeiros de novembro e que permite actuar coa máxima axilidade en casos de temporais ou sucesos puntuais, para conservar e manter sempre en perfectas condicións a rede viaria provincial, a máis extensa de España, con máis de 4.000 quilómetros.