Ribadeo, 7 de marzo de 2013. A Concellaría de Mocidade e a Oficina Municipal de Información Xuvenil organizan dous monográficos de tempo libre que se desenvolverán na vindeira semana santa. O prazo de inscrición estará aberto ata o 19 de marzo.
A responsable da OMIX, Verónica Fernández, explicou que “desde a Oficina Municipal de Información Xuvenil (Omix) e a área de Mocidade do Concello presentamos un adianto da proposta de actividades para Semana Santa para os nenos e nenas e para os mozos e mozas de Ribadeo. Como xa ven sendo habitual desde a Omix prepárase un programa diverso e extenso pensado no lecer, no ocio e na formación de todos eles. Nesta ocasión ofertamos dous monográficos de tempo libre: grandes xogos e veladas e monicreques de goma espuma”.
O monográfico de grandes xogos e veladas ten 20 prazas cunha matrícula de 23 euros e realizarase o 25 de marzo na Casa da Xuventude en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas. O curso de monicreques de goma espuma tamén ten 20 prazas, unha matrícula de 26,5 euros e realizarase o 26 de marzo tamén na Casa da Xuventude en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas.
Verónica Fernández subliña que “nos dous cursos darase un certificado de 10 horas emitido pola escola de tempo libre Bulideira. Os dous monográficos están dirixidos a monitores de tempo libre, educadoras e educadores e a maiores de 18 anos que en xeral poida aplicar os coñecementos e a experiencia na súa actividade diaria”.
Para inscribirse os/as interesados/as teñen que pasarse pola Casa da Xuventude na rúa Antonio Otero, 15 ou chamar ao teléfono: 982.129.889. O prazo remata o vindeiro 19 de marzo.