Lugo, 7 de marzo de 2013. Esta mañá o vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, e o delegado de Cultura e Turismo, o nacionalista Mario Outeiro, presentaron s bases da convocatoria das axudas en materia de deportes para este ano 2013, dirixido á realización de actividades deportivas por parte das entidades deportivas e clubs así como para actividades deportivas e investimentos para concellos, para o que a Área de Deportes destinará, nesta anualidade, 630.000 euros, a mesma cantidade que o ano pasado. Coas cifras desta convocatoria na man, Antonio Veiga afirmou que “a Deputación de Lugo é o sostén do deporte de base no conxunto da provincia de Lugo. Pese ao descenso orzamentario mantemos as mesmas liñas de axudas e as mesmas cantidades que o ano pasado, ratificando a nosa aposta polo apoio deporte de base, un dos nosos principios desde que adquirimos responsabilidade de goberno nesta institución”.
Tal e como anunciou Antonio Veiga, “as axudas ascenderán concretamente a 630.000 euros, dos cales 500.000, unha gran parte do orzamento e exactamente a mesma cifra que o ano pasado, irá destinado para as entidades deportivas e clubs da provincia, que potencian a descentralización do deporte, fomentan actividades saudables no tempo de lecer, así como a creación de emprego e a dinamización económica”. Neste caso, igual que en convocatorias anteriores, as entidades poderán solicitar axudas para tres tipos de axudas:
-actividade competitiva prolongada ao longo do ano, até un máximo de 8.000 euros;
-axudas para a organización de eventos deportivos puntuais, até un máximo de 4.000 euros;
-axudas para actividades deportivas non competitivas que se desenvolvan de xeito continuado, até un máximo de 8.000 euros.
Destas tres liñas de axudas, Veiga lembrou que as asociacións e clubs deportivos poderanse acoller a dúas delas.
O vicepresidente da Deputación quixo lembrar que “o ano pasado outorgáronse un total de 683 axudas, 572 a clubs e 111 a concellos para a promoción deportiva, o que dá idea da magnitude desta convocatoria que chega a todos os clubs lucenses e tamén hai que destacar que vimos a presentar estas axudas en marzo, co que as entidades deportivas teñen tempo para programar as súas actividades”.
As bases desta convocatoria saíran aprobadas na Xunta de Goberno de mañá e publicadas no BOP no prazo dun par de días, e as entidades e os concellos poderán solicitar este tipo de axudas deportivas no prazo dun mes empezando a contar a partir do día seguinte da súa publicación.
Pola súa banda, Mario Outeiro “antes de que remate o primeiro trimestre do ano, as nosas áreas xa teñen presentado todas as liñas de axudas, tanto para cultura, co programa Musiqueando para a dinamización de actuacións de grupos de música tradicional, bandas e corais, co programa Buxiganga ou coas axudas de concorrencia en cultura, coma para deporte, con estas axudas que presentamos”.
O delegado de Cultura e Turismo sinalou que “estas axudas chegan a todos os recunchos das nosas comarcas a través dos clubs e asociacións deportivas, descentralizando o deporte e posibilitando a realización de actividade física e deportiva en concellos do noso rural para unha poboación que normalmente adoece da posibilidade deste tipo de actividades”.