Site icon Crónica3.com A Mariña

Xuventudes Socialistas de Lugo súmanse ás protestas sobre a “Lei Wert” e esixen ao ministro de Educación a paralización do anteproxecto

Xuventudes Socialistas de Lugo esixe a paralización da ‘Ley Wert’, que “sen criterio nin finalidades, afunde o sistema educativo español”

Desde a Executiva Local das Xuventudes Socialistas de Lugo súmanse ás protestas contra a ‘Ley Wert’ e esíxenlle ao ministro de Educación “a inmediata paralización dun anteproxecto de lei que faría retroceder a sociedade máis de trinta anos”.

Desta forma, censuran que “algúns dos puntos inadmisibles son a nula participación dos centros educativos na toma de decisións, volvendo a modelos máis propios da ditadura que do século XXI”. Asimesmo, critican que “outras das ‘bases’ do proxecto de lei son a segregación por sexos desde as primeiras idades, rompendo os estereotipos éticos e morais dunha educación por e para todos, ou a implantación irracional e desmedida de reválidas ao longo do Sistema Educativo, sen ningún tipo de sentido común”. Con estas medidas, din, “o Goberno está atentando contra a igualdade de xénero e a igualdade de oportunidades, que tantos anos se tardaron en conseguir nun Estado de Benestar”.

Desde Xuventudes Socialistas destacan que “é algo máis que agravante que todos os sectores do Sistema Educativo, desde o profesorado, pais, e tanto a nivel asociativo como individual, presentan un total rexeitamento a unha Lei que é para uns poucos e que deixa no tinteiro a igualdade social ou cuestións de carácter histórico, como pode ser o caso da nosa comunidade, Galicia”.

“Desde as Xuventudes Socialistas de Lugo esiximos publicamente a marcha atrás deste atropelo educativo, coas súas conseguintes consecuencias a nivel social e estrutural, así como coa perda de dereitos que tanto lle custou lograr a moitas xeracións”, manifestan.

Exit mobile version