O Carnaval é unha celebración festeira que foi desenvolvida polo pobo. Tradición moi antiga, deuse na época de Babilonia e data de hai 4000 anos. A festa consiste na exaltación das carnes, críticas aos gobernantes, personalidades eclesiásticas, etc. na subversión e no relaxo da moral cristiá, consentindo prácticas que na vida cotiá non serían ben vistas. Don Carnal, o gozo da carne, o tempo de diversión, a satisfacción do prohibido, represéntase como un boneco ao que se queima cando remata a festa (enterro da sardiña), co pranto e os choros das capiteiras. Ao entroido (introito latino) séguelle a coresma, que remata o tempo de troula e exceso, para entrar nun período de abstinencia e seriedade. O entroido non sempre agradou a políticos e eclesiásticos. Na Idade Media renace o carnaval impulsado polo pobo campesiño que tivo que soportar algunhas intromisións da nobreza que non o aceptaba de todo. Xa na ditadura do Xeneral Franco foi prohibido, rexurdindo pouco a pouco como expresión da necesidade de alegría, música e liberdade.
Polo que a Foz atinxe o entroido celébrase dende tempo inmemorial, ainda que o ritual non ten connotacións etnográficas ou antropolóxicas; ou sexa, non se corresponde con tradición cultural algunha. A forma de expresión popular, espontánea, ven dada por un estado colectivo de alegría, en cuxa explosión ten que ver o bo xantar (nestas datas o porco é o rei) e as libacións xenerosas, así como o optimismo. o enxeño e a ledicia de vivir que son propias das xentes da beiramar. Certamente houbo tempos de prohibicións para a alegría do carnaval, pero o cronista lembra que, aínda con tal atranco, mesmo en plena ditadura, nunca deixou de celebrarse por mais que ás veces, para obviar as ordes dos que mandaban, había que afinar o maxín e espremer os miolos recurrindo á imaxinación, o que agudizaba o enxeño e ás veces enriquecía os episodios carnavaleiros coa parafernalia grotesca e disparatada, á que as circunstancias obrigaban.
Suso Fernández