San Ciprián, 03 de febreiro de 2013.- Na mañá de hoxe tivo lugar en San Ciprián unha xuntanza na que responsables do Partido Popular de Lugo convidaron aos patróns maiores das confrarías de pescadores e directivos das principais organizacións de armadores da Mariña lucense. O encontro tiña por obxecto coñecer de primeira man a opinión dos profesionais en relación coa situación actual da pesca e do marisqueo lucense e cos retos de cara ao futuro.
As principais achegas dos representantes do sector pesqueiro versaron sobre estratexias e melloras no ámbito da comercialización dos produtos do mar, sobre o sistema actual e futuro de posibilidades de pesca e sobre a necesaria reforma dos cadros de tripulacións mínimas para os buques pesqueiros. Cada un destes puntos formarán parte esencial da ponencia política coa que o PPdeLugo pretende marcar a súa estratexia de cara aos vindeiros tres anos.
Polo Partido Popular asistiron o secretario provincial, José Manuel Balseiro, o responsable de pesca da executiva, Jesús Novo e Antonio Basanta un dos integrantes da ponencia política que será aprobada no XVI Congreso da formación popular. Desde o PPdeLugo quixeron agradecer a participación dos representantes da pesca mariñá, xa que todas as entidades responderon á invitación e moi especialmente a implicación de cada un dos asistentes que fixeron do encontro un acto moi participativo.