OS SOCIALISTAS DE CERVO DENUNCIAN QUE O CONCELLO TERÁ QUE PAGAR UN TOTAL DE 17.800 EUROS POR SÓ DOUS MESES DE CARBURANTES
-Subliñan que “un concello de menos de 5.000 habitantes coma Cervo non se pode permitir un consumo tan esaxerado e piden unha explicación destes gastos ó equipo de goberno”
-O parque móbil está formado por unha vintena de vehículos pero “haberá que facer un control maior dos usos de cada un deles porque pode ser aquí onde haxa que ser bastante máis austeros”
CERVO, 7 DE FEBREIRO. Os socialistas de Cervo denuncian o gasto excesivo en carburantes por parte do Concello nestes últimos meses, “entre novembro e decembro terase que facer agora fronte a dúas facturas de máis de 17.800 euros. Un municipio de menos de 5.000 habitantes non pode soster un consumo tan esaxerado”.
Os membros do Grupo Municipal Socialista esixen que o equipo de goberno de unha explicación destes gastos porque “estamos a falar dunhas cantidades desorbitadas, ó mes de novembro corresponden uns 9.700 euros e os restantes 8.100 euros ó último mes do pasado ano. Son momentos de dificultade económica e a austeridade non só se debe aplicar no que lles interesa”.
Afirman que “é certo que a flota de vehículos do Concello de Cervo está formada por un total de 21 vehículos e nestas facturas irá incluído o gasto correspondente pero non podemos dar crédito a tremendo custe. Ó mellor é aquí onde hai que ser máis cautos e austeros e non tanto apagando farolas sen ningunha coherencia ou recortando en certos servizos”.
Ademais engadiron que se debe facer un control máis exhaustivo para que isto non volva a ocorrer, “principalmente revisando os usos particulares que se fan dos vehículos do parque móbil en horarios de tarde ou de fin de semana e lembrando que ningún destes coches son para trasladar os concelleiros dun lado para o outro”.