Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas cervenses consideran “totalmente ineficaces” as políticas de emprego da Xunta e o Concello de Cervo

OS SOCIALISTAS CONSIDERAN TOTALMENTE INEFICACES AS POLÍTICAS DE EMPREGO DA XUNTA DE GALICIA E O CONCELLO DE CERVO

-Destacan o obradoiro de emprego como mostra deste sen sentido pois, “con arredor de 300 parados en Cervo, é incomprensible que se recorten ata 13 o número de prazas e se sosteñan ata 6 persoas do equipo técnico”

-Os membros do PSOE entenden que “o único que preocupaba ó PP era conseguir o obradoiro por propio interese, sen importar nin a calidade nin a cantidade de veciños beneficiarios”

CERVO, 5 DE FEBREIRO. O paro sube en Galicia neste último mes de xaneiro un 4,31% e as políticas de emprego da Xunta de Galicia seguen sen ter nin pés nin cabeza. Os socialistas subliñan que o exemplo máis claro desta situación é o funcionamento do obradoiro de emprego do Concello de Cervo, “non podemos comprender que haxa unha persoa do equipo técnico por cada dous alumnos, é totalmente incoherente”.

Só no Concello de Cervo os datos son tan curiosos como que “para unha docena de alumnos, o persoal directivo, docente e de apoio está formado por seis persoas. O fomento de emprego enténdese para aquelas persoas que estando en situación de paro, poden encontrar unha saída profesional neste tipo de iniciativas, pero para iso o número de prazas debera de ser moito maior, tendo en conta que a cifra de parados no noso municipio ronda as 300 persoas”.

Neste senso, aseguran que “en vez de reforzar a cantidade de oferta en alumnado, o goberno local do PP aceptou ter que compartir con outros dous concellos o servizo e polo tanto, ter que ofrecer moitas menos prazas ca outros anos. Entendemos que tanto a nivel local como autonómico o que preocupaba era un interese partidista non o fomento do emprego para os veciños, era importante conseguir un obradoiro de emprego sen importar a calidade ou o número de desempregados que se poderían beneficiar”.

Dende o PSOE cervense pregúntanse onde está a coherencia dos compañeiros do PP da Xunta de Galicia cando, “no sistema educativo os recortes supuxeron unha perda total de servizos, menos persoal, máis horas de docencia, redución de apoios para unha educación especial… e pola contra, con persoas adultas lles interesa soster unha persoa de equipo por cada dous alumnos e por se fose pouco, certo persoal de apoio”.

A forma de actuar da actual Xunta de Galicia e a maneira de consentir estas irresponsabilidades do goberno de Cervo, “fainos pensar que as chamadas políticas de fomento de emprego que están levando adiante só teñen como fin resultados partidistas, para nada buscan a formación e a futura incorporación ó mercado laboral”.

Engaden que “é unha verdadeira mágoa que estas iniciativas non sexan aproveitadas da mellor maneira para poder, dunha vez por todas, diminuír a porcentaxe de desemprego a nivel galego e, por suposto, local”.

Exit mobile version