O GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR PIDE A EUROPA UN TRATO ESPECIAL PARA A FLOTA ARTESANAL E O MARISQUEO GALEGOS
Merecen o recoñecemento das institucións comunitarias, tanto desde o punto de vista dunha discriminación positiva dos aspectos normativos como tamén económicos, destinando fondos específicos para a súa protección e impulso
Santiago, 4 de febreiro de 2013.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria coa que pretende que Europa recoñeza e outorgue un trato especial para a flota artesanal e o marisqueo galegos. O parlamentario pide á Xunta que encargue ao Consello Galego de Pesca, máximo órgano asesor da Consellería do Medio Rural e do Mar, un informe de apoio e posta en valor das características que diferencian estes modos de captura e o seu impacto socioeconómico para remitilo ás autoridades comunitarias.
Balseiro sinala que os modos, aparellos e embarcacións tradicionais da pesca de baixura e as características do marisqueo galego, a frescura e calidade dos nosos produtos e a dependencia social e económica dos municipios costeiros, merecen o recoñecemento das institucións comunitarias, tanto desde o punto de vista dunha discriminación positiva dos aspectos normativos como tamén económicos, destinando fondos específicos para a súa protección e impulso.
“Non debemos esquecer que nesta terra existen unha multitude de comunidades costeiras, nas que o mundo do mar constitúe o motor principal da súa economía, así como un sector acuícola, conserveiro e unha industria transformadora e comercializadora dos produtos do mar en constante crecemento”-dixo Balseiro.
Afondando nesta cuestión a flota artesanal galega e o marisqueo teñen un especial valor desde o punto de vista da súa capacidade para afianzar o modelo sustentable de explotación dos recursos marítimos, fixar poboación e xerar riqueza nas comunidades costeiras. No ámbito específico do marisqueo cómpre subliñar que en Galicia responde a un modelo de actividade eminentemente feminino, que contribúe a xerar emprego e oportunidades para as mulleres.
PARTICIPACIÓN DO SECTOR
Balseiro busca o apoio do Consello Galego de Pesca como entidade na que está representado o conxunto dos profesionais e axentes deste sector, ao entender que a súa opinión pode reforzar a estratexia seguida pola Xunta. “Eles teñen a capacidade e atribucións para contribuír –mediante a elaboración dos estudos pertinentes- ao proceso de debate sobre as reformas normativas -a nivel comunitario- que sexan especialmente acaídas para os intereses xerais de Galicia”.
Balseiro lembra finalmente que Galicia é a rexión europea na que a pesca, o marisqueo e a acuicultura adquiren maior importancia e, ao mesmo tempo, a máis dependente destas actividades produtivas. “Non debemos esquecer que nesta terra existen unha multitude de comunidades costeiras, nas que o mundo do mar constitúe o motor principal da súa economía, así como un sector acuícola, conserveiro e unha industria transformadora e comercializadora dos produtos do mar en constante crecemento, apostar por elas e facelo por un sector estratéxico para Galicia”.