As alumnas acoden a clases os venres pola tarde, onde durante dúas horas aprenden ou melloran as súas destrezas cos palillos
Cervo, 7 de febreiro de 2013-O curso de palillar organizado pola Concellería de Igualdade xa comezou. Nesta actividade, posta en marcha como complemento ao X Encontro de Palilleiras, participan 13 mulleres, que se reúnen todos os venres na Casa da Cultura de San Cibrao entre as 18:00 e as 20:00 horas.
Modesta Lombardero, profesional con anos de experiencia, é a encargada de impartir as clases nas que as alumnas aprenden esta arte tradicional ou melloran as súas técnicas ao tempo que comparten unhas horas de lecer.
Este curso gratuíto ponse en marcha por terceiro ano consecutivo co obxectivo de “achegar esta práctica artesanal á poboación” e ao mesmo tempo “facela visible e mantela viva como patrimonio inmaterial do noso concello e cunha longa tradición”, explica a edil de Igualdade, Pilar Armada. “O día do Encontro podemos ver a destreza e a rapidez coa que manexan os palillos as máis profesionais, pero con este curso o alumnado experimenta esa sensación coas súas propias mans”, engade Armada.
Namentres, a organización do X Encontro de Palilleiras continúa. A Concellería de Igualdade vén traballando dende hai semanas na elaboración do programa así como na preparación de todos os detalles. Ao mesmo tempo, as dúas palilleiras implicadas na organización, Modesta Lombardero e Mariluz Méndez, comezarán a distribuír dípticos informativos deste evento nos encontros e xuntanzas de palilleiras aos que acudan.