Cervo pretende reubicar a carpintería de ribeira de San Cibrao co obxectivo de garantir a continuidade desta actividade artesanal
Cervo, 2 de febreiro de 2013-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Medio Ambiente e Turismo, Begoña Alonso reuníronse este venres, aproveitando a súa viaxe a Fitur, coa subdirectora xeral de Dominio Público Máritimo-Terrestre, Raquel Orts. O encontro, mantido nas dependencias do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, tiña o obxectivo de presentarlle á subdirectora xeral un proxecto de reubicación da actual carpintería de ribeira que se atopa próxima á praia do Torno, en terreos da Dirección Xeral de Costas.
Un proxecto a través do cal dita carpintería se trasladaría a unha edificación existente que se atopa ao outro lado da ría e que no seu momento xa fora plantexada como Museo-Carpintería de Ribeira, atopándose sen a penas uso na actualidade. Con este cambio de situación conseguiríase conservar o oficio e garantir a continuidade dunha tradición centenaria a través do único carpinteiro de ribeira que segue activo na vila e en toda a provincia de Lugo. Ao mesmo tempo, tamén se ampliaría e embelecería a fachada marítima.
Para facer efectiva a reubicación sería imprescindible a execución de obras de remodelación e de redistribución dos espazos que permitan ao artesán, Francisco Fra Rico, desenvolver a súa actividade de reforma e construción de embarcacións. Ditas obras estarían encamiñadas a distribuír os espazos de acordo ás necesidades dunha carpintería de ribeira, como é o caso da apertura dunha grande porta central que permita a saída dos barcos de grande envergadura.
O alcalde e a edil explicáronlle á subdirectora xeral a importancia de garantir esta actividade artesanal que está desaparecendo. Os representantes locais tamén destacaron o valor o valor histórico, patrimonial e cultural deste estaleiro, o máis antigo de Galicia.
No documento presentado por Villares e Alonso, o Concello solicítalle ao Ministerio de Medio Ambiente a través da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar que permitan que o Museo-Carpintería de Ribeira se utilice para este fin tendo en conta que é necesario acondicionar a edificación e, ao mesmo tempo, que manteñan a concesión ao actual artesán para continuar desenvolvendo o seu oficio ao outro lado da ría. Unha iniciativa que conta co beneplácito de Francisco Fra Rico, que mantén activo o estaleiro.
Cabe destacar que esta carpintería, con máis de 200 anos de historia e sete xeracións ininterrompidas de artesáns, forma parte do proxecto Rutas de Artesanía na Mariña Lucense a través do cal os turistas e visitantes poden percorrer a comarca visitando os obradoiros artesanais asentados na comarca, de forma que estes talleres e oficios actúan como foco de atracción turística. De feito Fra Rico e o seu estaleiro foron protagonista en Fitur, onde se amosou o seu traballo a través dun vídeo. Co traslado ao outro lado da ría e co acondicionamento dos espazos, o estaleiro converteríase nun museo vivo que vería melloradas as súas instalacións con respecto á ubicación actual, co que se conseguiría ampliar a súa capacidade de dinamización do turismo.
O rexedor explica que este proxecto “busca principalmente asegurar o mantemento da actividade da carpintería de ribeira como oficio artesanal e tradicional case en extinción en Galicia e que forma parte da nosa historia como pobo”. O estaleiro da familia Fra “é un símbolo de San Ciprián, e nas lembranzas dos veciños ben seguro que hai algunha botadura dun barco feito alí, coas súas mans, as do seu pai ou do seu avó” engade Villares. Por estes motivos, e sen esquecer o beneficio que suporía para o sector turístico, “dende o Concello avogamos por reforzar a carpintería de ribeira, un apoio que pasa por conseguir dignificar o oficio de artesán cunhas instalacións de calidade nas que, ademais de traballar a madeira, o carpinteiro poida trasladar á sociedade o valor dun oficio artesanal amosando en vivo o seu traballo real”.