Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demanda a Alcoa solucións para garantir o emprego e as condicións laborais dos traballadores de Cegelec

O BNG DA MARIÑA DEMANDA A ALCOA SOLUCIÓNS PARA GARANTIR O EMPREGO E AS CONDICIÓNS LABORAIS DOS TRABALLADORES DE CEGELEC

Antonio Veiga solicitará unha entrevista co director de Alcoa San Cibrao para coñecer a súa postura ante este conflito laboral

A Mariña, 6 de febreiro de 2013. O responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na comarca da Mariña, Antonio Veiga, urxe á factoría de Alcoa San Cibrao medidas inmediatas que garantan os postos de traballo dos 17 empregados da súa auxiliar Cegelec que veñen de ser despedidos tras rematar a contrata o pasado 31 de xaneiro e rexeitar presentarse ao novo concurso; situación que, segundo os nacionalistas, “deixa aos traballadores nunha posición de indefensión e desamparo” e supón “un novo golpe para o tecido industrial e económico da comarca, ademais de pór en perigo o funcionamento de Alcoa e ser unha tráxica noticia para decenas de familias.”

Veiga asegura en que “Alcoa ten a forza e o peso suficientes para buscar o xeito de garantir a continuidade dos 17 postos de traballo pero tamén das condicións laborais dos traballadores afectados en canto a maioría levan entre 25 e 30 anos traballando para Cegelec.” Neste senso, o responsábel comarcal dos nacionalistas pide á factoría de Alcoa en San Cibrao que “a adxudicación do servizo que até o de agora viña desempeñando esta empresa sexa a favor dunha firma da comarca que se comprometa a contratar aos traballadores agora despedidos mantendo as condicións laborais acadadas.”

Antonio Veiga anunciou que, ao longo desta mañá, solicitará unha entrevista co director de Alcoa San Cibrao, Rubén Bartolomé, para coñecer a súa postura ante este conflito laboral e cales son as posibilidades que se contemplan para a súa resolución. Dende o Bloque Nacionalista Galego lembran á dirección de Alcoa que hai uns meses toda a sociedade da Mariña mobilizouse amosando a súa solidariedade cara a factoría e os seus traballadores na solicitude ao Goberno do Estado dunha tarifa eléctrica competitiva que garantise o futuro da alumieira na comarca e, polo tanto, de todos os empregos que xera. Os nacionalistas piden que ese apoio sexa correspondido agora a través do mantemento do emprego do persoal de Cegelec.

Exit mobile version