Despois dunha campaña levada a cabo nas principais comarcas afectadas, os afectados exixen con estes recursos que se pague a anualidade do 2012
Lugo, 6 de febreiro de 2013. En abril de 2008, a Consellería do Medio Rural (CMR) no goberno bipartito, sacaba unha liña de axudas destinada ao fomento de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, en concordancia coas políticas que recomenda a Unión Europea: unha aposta por unha produción de alimentos sans e de calidade, tamén fomentábase unha produción agraria máis respectuosa co medio natural e unha mellor xestión do territorio rural, e, consecuentemente, traducíase nunha potenciación á fixación de poboación no rural e na
prevención de incendios forestais. Deste maneira a CMR e os titulares das explotacións gandeiras asumían durante cinco anos unha serie de compromisos. Por unha banda os gandeiros e gandeiras comprometíanse a cumprir medidas relacionadas coa hixiene e a sanidade animal, co correcto mantemento da superficie agraria e coa propia orientación da recría nas granxas, fomentando así as razas autóctonas. Por outra banda, a CMR comprometíase ao pago de 156 € anuais por animal reprodutor. A Federación Rural Galega-FRUGA ven denunciando fai tempo que, unha vez que a Xunta de
Galiza volveu a mans do Partido Popular, vense reducindo considerablemente o importe que recibían as granxas, iso si, sen que por iso viran modificadas os compromisos que tiñan que cumprir. Serva como exemplo a campaña do 2011, a cuarta dos cinco anos que duraría o programa, onde as axudas sufriron unha redución de media dun 45% sobre os importes marcados inicialmente. Pero o peor estaba por acontecer, despois de ter publicado a Xunta o pasado outubro a
renovación destas axudas para a campaña 2012, mudou de opinión e publicou unha nova orde na que deixaba sen efecto as solicitudes de renovación que se fixeron en outubro. O motivo que argumenta para dar marcha atrás é que o Ministerio de Agricultura non fixo o ingreso oportuno. Para FRUGA, este “mareo” aos produtores e produtoras afectados parécenos primeiramente unha burla. Tamén vemos unha Xunta de Galiza incompetente: a nova PAC está á volta da esquina e as novas axudas van ir vinculadas principalmente á superficie, cómo se retiran unhas axudas vinculadas á terra?, esta Xunta parece ter unha política agraria de exterminio da gandería galega, facendo unha aposta suicida e contraria á opinión da maioría dos expertos na materia e da propia UE, que non é outra que á de ligar a produción gandeira á maior base territorial posible. Por outra banda, coa eliminación desta axuda ponse en risco a supervivencia das razas
autóctonas galegas en perigo de extinción de vacún, atacando ao noso patrimonio xenético, xa que este feito, sumado a que remataron outras axudas para esas razas o pasado 2012, abocan a estas razas a un futuro incerto.
FRUGA, a través dunha campaña informativa polas principais comarcas afectadas do País pola eliminación desta axuda, entregou hoxe un Lugo recursos de reposición por parte das granxas afectadas, exixindo que se pagen as subvencións destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras en réximes extensivos do ano 2012. Non podemos permitirnos o abandono dos sistemas de produción extensivos, un modelo no que Galiza ten unha gran potencialidade e que sitúa o sector da carne nunha posición vantaxosa ante os seus competidores directos, non podemos desbotar o noso potencial.