Espazo Ecosocialista dirixirase ás forzas políticas e sociais para propoñer a necesidade dunha alianza democrática ampla
Os últimos casos de corrupción que afectan ao PP, PSOE, CiU e a Casa Real veñen a amosar unha crise institucional sen precedentes que non se resolve única e exclusivamente con unhas cantas dimisións ou cunhas cantas xustificacións.
Para Espazo Ecosocialista o carácter transversal das mesmas o único que reflicte é que por riba da corrupción económica asistimos a un proceso de corrupción política e ética.
Ademais cre que a crise económica e política esta a acentuar a desafección da cidadanía e a desconfianza cara a unha elites que levan manexando un modelo limitado de democracia saído da transición.
A Permanente de Espazo Ecosocialista aprobou por en marcha unha campaña arredor da necesaria apertura dun novo proceso constituínte para o século XXI.
Espazo Ecosocialista esta a traballar nun informe sobre radicalidade democrática que convertira en mocións nos concellos e levará ao parlamento galego a traves do grupo parlamentar de AGE.
Radicalidade democrática, republicanismo, transparencia, sustentabilidade, xustiza social, cultura de paz e plurinacionalidade deben ser os eixes sobre os que se debe vertebrar o novo proceso constituínte.
O afondamento dos elementos de xustiza social, de sustentabilidade e de políticas de paz, así como a propia radicalidade da democracia; o cambio da lexislación electoral e de financiamento de partidos; a eliminación de estruturas pre-democráticas como as deputacións; a asunción da xefatura do estado polo presidente do goberno e a abolición da monarquía ou a reordenación plurinacional do estado son algunhas das razóns dun novo texto constitucional necesarias para crear un novo clima de confianza na poboación.
Para Espazo Ecosocialista a situación actual esixe da dimisión do actual goberno e a convocatoria dunhas eleccións que teña como obxectivo abrir ese novo carácter constituinte libre das tutelas que condicionaron o anterior.
Espazo Ecosocialista fai un chamamento as forzas políticas alleas ás elites dominantes para converxer nunha alianza democrática ampla cun programa de cambio que permita construír unha alternativa á dereita política e aos oligopolios.
Nese sentido a Permanente de Espazo Ecosocialista vaise dirixir nos próximos días ás forzas políticas de AGE e a outras para valorar unha posible saída. Espazo cre que AGE debe ser o xermolo para unha futura fronte ampla nacional e democrática.
Tamén trasladara aos partidos membros de Espazo Plural (ICV, Chunta, ICPV-Compromis, Esquerra Vers, Primavera Andaluza e o propio Espazo Ecosocialista) cos que comparte análises e ideas para que aborden este tema na súa próxima xuntanza.
Por último Espazo Ecosocialista cre que corresponde á sociedade civil xogar un papel central para que o necesario cambio non se vexa secuestrado unha vez máis pola dinámica imposta desde as elites políticas, nese senso amosa o seu apoio ás mobilizacións do 23-F contra o golpe de estado financeiro e cre que a Alianza Social Galega pode ser un instrumento útil para coordinar e globalizar as múltiples demandas cidadás.