Onte e hoxe os alumnos de 1º e 2º de primaria do CEIP Virxe do Carmen asistiron a unha charla sobre reciclaxe organizada polo centro de educación ambiental Gaia, dependente da Concellería de Medio Ambiente de Burela. A monitora explicoulles aos rapaces como participar na recollida selectiva do lixo, os tipos de colectores que hai e que se debe depositar en cada contedor. A actividade complementouse coa visualización dun vídeo onde se explica de xeito divertido como separar os envases correctamente co obxectivo de darlles nova vida aos envases. Desde a Concellería de Medio Ambiente sinalan que “con estas actividades pretenden informar, sensibilizar e xerar conciencia e actitudes entre o alumnado para reducir a contaminación”.