CONCELLO E ASOCIACIÓNS PROGRAMAN O ENTROIDO BURELÉS. NESTE 2013 INCREMÉNTANSE OS PREMIOS E HABERÁ VERBENA. O ALCALDE DESTACA E AGRADECE A IMPLICACIÓN DOS COLECTIVOS LOCAIS.
Burela, 5 de febreiro de 2013. O Concello de Burela e diversas asociacións socioculturais veñen de pechar o programa do entroido da localidade para o presente ano 2013, tras a constitución dunha comisión a proposta do propio Concello, comisión que comezou a funcionar xusto ao remate das festas de nadal.
O programa foi presentado a mediodía de hoxe nas dependencias municipais por representantes das asociacións incluídas na comisión, que á súa vez representan a todos os colectivos de cada un dos sectores, xunto coa concelleira de Cultura, Mónica Pedre Otero, e o alcalde, José María González Barcia.
Segundo a concelleira de Cultura, “a novidade con respecto ao ano pasado é o aumento dos premios, xa que se inclúen os premios por parellas, tanto infantís como adultos, e tamén se inclúen terceiros premios donados por ACIA para todas e cada unha das categorías”.
Mónica Pedre indicou que “o importe total dos premios en metálico ascende a dous mil euros, cincocentos máis que o ano pasado. A iso hai que sumar o valor dos vales de ACIA”.
O programa tamén inclúe outras novidades. Segundo a concelleira de Cultura, “a propia comisión organizadora decidiu por unanimidade suprimir do programa o enterro da sardiña, porque a participación o ano pasado foi moi escasa e cun custo económico importante, que se puido paliar en parte grazas á colaboración desinteresada de varios establecementos comerciais. Pero, pola contra, e para que o Martes de Entroido teña suficiente atractivo, incluímos unha verbena a cargo dunha orquestra”.
Pola súa parte, o alcalde, José María González Barcia, manifestou que “un ano máis, hai que destacar e agradecer a colaboración, participación e aportación dos colectivos socioculturais que temos no noso termo municipal, xa que sen eles seguramente non fose posible organizar o entroido”.
González Barcia remarcou que “a intención do Concello é darlle continuidade á comisión que se constituíu para organizar o entroido do presente ano. Non podemos facer para o vindeiro ano o que fixemos este ano, empezar a organizar o entroido un mes antes, porque se corre o risco de que as cousas non saian como un quere. Por iso, cando remate o entroido deste ano, será hora de facer autocrítica e comezar a preparar o de 2014.”
Os actos comezan o vindeiro xoves día 7 e rematan o martes 12 co desfile a partir das 17.00 horas. A saída será da Rúa do Ril ata a Praza da Mariña e para inscribirse unha hora antes da saída no local de Ledicia.