A Comunidade de Montes de Vilaestrofe mantivo unha reunión o pasado 27 de Xaneiro co fin de organizar unha serie de actos con motivo do centenario da escola de San Román de Vilaestrofe. Acordouse editar un libro no que se recolla toda a documentación relativa á construción (1913), á vida do promotor da construción, así como da vida na parroquia nesa época ou recoller todas as xeracións que pasaron pola escola. Por iso, fan un chamamento a tódolos veciños de San Román e aqueles que asistiron á escola e que hoxe residen fóra e que posúan fotos antigas ou algún tipo de documentación para que se poñan en contacto coa Xunta Directiva da Comunidade de Montes. Asimesmo, en vindeiras datas manterán reunións tanto co Concello de Cervo como coa Deputación para solicitarlles a súa colaboración na iniciativa.