Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA informa que máis de 20.000 sinaturas contra a incineración entran no Parlamento

Máis de 20.000 sinaturas contra a incineración entran no Parlamento

4 de febreiro de 2013. Neste día, membros da comisión promotora da ILP”PARA A APLICACIÓN EFECTIVA DOS PRINCIPIOS DE REDUCION, REUTILIZACIÓN E RECICLAXE DE RESIDUOS EN GALIZA” fixemos entrega no Parlamento de máis de 20.000 sinaturas en apoio desta iniciativa. Trátase de darlle forza xurídica á xerarquía dos “3R” consagrada pola normativa actual, para que sexa realmente de obrigado cumprimento. É nesa liña que esta ILP establece unha serie de medidas para a aplicación efectiva destes principios, excluindo a incineración como opción principal para o tratamento dos residuos. Xunto ao que estamos a descobrir estes días do proceder de determinados partidos e institucións, resulta sintomático que sexa a cidadanía a que leve ao Parlamento unha lei para que a Xunta cumpra a lexislación sobre residuos europea, estatal e galega e antepoña, como establecen estas normas, a redución, a reciclaxe e a compostaxe á incineración/vertedura que fai SOGAMA. Dende a Comisión Promomotora desta ILP, queremos agradecer a todas as persoas e colectivos que participaron no proceso o seu compromiso co ambiente e coa legalidade.

Con esta ILP, os colectivos que integramos a Comisión Promotora queremos visibilizar a necesidade de poñer as bolsas de lixo enriba dos atrís dos políticos, porque entendemos que as políticas públicas de xestión dos residuos afectan ás nosas vidas de forma directa.
Para nós, o debate nunca foi a ubicación da incineradora, como pretendía o PP: Foi o modelo. Un modelo, a incineración, defendido con mentiras polo PP contra toda lóxica, eficiencia e mesmo contra toda a lexislación de residuos galega, estatal e europea. Un modelo, SOGAMA, que incinera a metade dos refugallos urbanos e os transforma en gases e cinsas tóxicas, enviando a outra metade ao vertedoiro de lixo máis grande de Europa, a verdadeira “caixa B” da política de residuos da Xunta. Un modelo contra o que a cidadanía xa se rebelou, tumbando a pretendida construción da incineradora do Irixo e promovendo esta Iniciativa Lexislativa Popular para levar ao Parlamento nada menos que o cumprimento estrito da lexislación de residuos, sistematicamente violada pola Xunta, e conquerir o abandono definitivo da incineración.

Dende a comisión promotora desta iniciativa e a Plataforma Galega contra a Incineración queremos agradecer á manchea de persoas e colectivos que participaron activamente na campaña de información e recollida de sinaturas o seu compromiso co ambiente e co cumprimento das leis.

Exit mobile version