A delegada territorial visitou hoxe a nova zona medioambiental para autocaravanas habilitada no concello de Ourol
Ourol, 6 de febreiro de 2013.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe en Ourol a nova área para autocaravanas, realizada con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental posto en marcha polo actual Executivo galego e destinado aos concellos que soportan o impacto de toda ou parte das instalacións de parques eólicos.
Arias, acompañada polo alcalde de Ourol, Marcial Sanjurjo, explicou que a Xunta investiu en base a este programa 618.667 euros no último ano en obras e dotacións propias dos concellos da Mariña Occidental (Ourol, Cervo, Xove, O Vicedo e Viveiro).
A habilitación dunha área medioambiental con zona de autocaravanas é o proxecto máis ambicioso acometido en Ourol, tanto polo importe -116.942 euros dos máis de 290 mil investidos neste concello- como pola oportunidade de dotar desta infraestrutura turística ao municipio mariñán.
A área medioambiental está situada nuns terreos próximos ao acceso ao núcleo de Ourol e á estrada LU-540. Está formada por unha zona verde e outra de aparcamentos e limita con outra zona existente dotada de mobiliario urbano, parque infantil e parque biosaudable, co que culmina o proceso de posta en valor do entorno ambiental da localidade.
A delegada territorial da Xunta subliñou que esta iniciativa reflicte un triplo compromiso da Xunta. En primeiro lugar, co medio ambiente, “xa que sufraga actuacións que redundan directamente na mellora do medio natural e na súa conservación”; en segundo lugar, coas facendas locais, “xa que representa un importante ingreso para os concellos, especialmente no momento actual”, e por último, co reequilibrio territorial, “dado que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais da comunidade galega”.
No caso de Ourol, as demais actuacións acometidas consistiron na reparación do saneamento na zona do colexio, obras de acondicionamento do acceso a A Garita (Bravos) para o seu uso como ruta medioambiental, e a adquisición de dous vehículos para servizos municipais, un furgón con grúa cesta para labores medioambientais e un vehículo tipo Dúmper para mantemento de pistas e espazos naturais.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza investiu tamén senllas partidas de 153.500 euros e 110.261 euros en actuacións de modernización de abastecementos e rexeneración medioambiental nos municipios do Vicedo e Viveiro. Así mesmo, o concello de Xove e o de Cervo recibiron 35.000 e 30.000 euros, respectivamente, para varios proxectos de mellora no ámbito medioambiental.