7ª xornada de LNB NorLeste. Sábado 2 febreiro 2013
Charli ou Varado, que tanto monta…
A praza do convento de Meira ofrece un entorno acolledor e agradable que a LNB adoita empregar para a práctica da billarda, nembargantes o vento e a choiva escorrentaron os palanadores cara o pavillón deportivo, onde se desenrolou a 7ª xornada da Conferencia NorLeste.
Era visto!
As billardas voaron cara o varal. Os especialistas tíñano doado e mesmo os non tan habilidosos nestes menesteres, aproveitaron a pista rápida para asomarse e deixar selo na taboa de “varadistas”. En poucas ocasións o varal se viu tan acribillado. As naves de buxo fungaban por tódolos lados, por dentro, por fora, por riba, por baixo….
Un espectáculo que soio se pode ver na LNB e no que sen dúbida brillou por riba de todos o gran Charli, palanador de “Carabullo” que finalmente gañou o seu primeiro aberto en liga, consolidándose de forma maxistral no primeiro posto da táboa, tanto en individual como en varados.
Na procura da pata do porco, achegáronse a Meira mais de medio cento de palanadores para se enfrontar deportivamente, cada quen amosando as súas mellores habilidades no dominio do palán.
A rapidez da pista de xogo favoreceu as sorpresas, aínda que cada quen foi capeando o temporal como mellor puido e Charli desta volta non deu opción aos seus rivais, fixo pleno, con tres varados incluídos, nas cinco carreiras.
Unha sorpresa, que nono foi tanto pola ascendente traxectoria desta excelente palanadora, foi Lu do equipo Corredoiras, que chegada dende Bueu, tamén rematou a súa andaina con pleno de victorias.
Para o terceiro posto, seis foron os aspirantes, todos eles con oito puntos sobre dez posibles: Franco, Nacho, Luis González, Cortón, Oscar e Noé. Foi o palanador de “Troitas Bravas” de A Pontenova Noé o que mellor respondeu no desempate e se fixo co terceiro caixon do podio.
A loita polo primeiro posto foi como un lóstrego visto e non visto. Lu non puido rpmpela racha de Charli. Un varado na primeira carreira e como non outro varado na segunda deron co lacón nas mans de Charli. Lu quedou nun moi bo e merecido segundo posto.
“Os Outros” seguen perdendo gas, baixan un posto mais en favor dos meiregos “Tropa Lixeira” que ahora son segundos tralos “Billardeiros Musicais”. Os gañadores por equipos nesta xornada, foron os tamén meiregos “Extensión Billarda”.
Cabe subliñar a volta de Suso Villarino as pistas de xogo, logo de se ter recuperado da súa doencia. A reincorporación dun dos máximos referentes da LNB é unha excelente nova da que nos alegramos. Benvido de novo Suso!
As clasificacións quedan así
Individual: Charli 58 p., Marcos 53 p., Daniel, Oscar e Richar 51 p.
Equipos: Billardeiros Musicais 194 p., Tropa Lixeira 185 p., Os Outros 180p.
Varados: Charli 10, Regueiro 8. Eric 5, Daniel e Oscar 4.
A VIII xornada “IV Aberto da Tarta” xogarase en Mondoñedo 23 de febreiro. Non faltedes que a liga está que arde.