A Federación expón a vía da mediación coas compañías enerxéticas para resolver a través do diálogo as incidencias dos municipios afectados
Alfonso Villares: “A Fegamp non descarta recorrer a ningunha vía, incluída a xudicial, en defensa dos intereses dos concellos”
SANTIAGO. A Fegamp denunciou hoxe a existencia de irregularidades xeneralizadas na facturación eléctrica dos concellos de Galicia, despois de expor unha consulta aos 315 municipios da comunidade. Segundo explicou en rolda de prensa o vicepresidente executivo e alcalde de Cervo, Alfonso Villares, “trátase dun problema xeneralizado e no que hai situacións comúns relacionadas cunha facturación moi deficiente”.
A Fegamp remitiu a finais de 2012 unha carta a todos os municipios galegos, co fin de coñecer de primeira man e en detalle todas as incidencias existentes coas eléctricas. “O resultado confirma as nosas sospeitas”, indicou Villares. Para solucionalo, a Federación iniciou un proceso de mediación coas principais compañías subministradoras para alcanzar un acordo “a través do diálogo”, aínda que “non descartamos recorrer a ningunha vía, incluída a xudicial, en defensa dos intereses dos concellos”.
Segundo explicou, “a denuncia máis xeneralizada é a desproporción das facturas estimadas en relación ao consumo habitual, así como a acumulación de varios meses nunha única factura”, o que xera “problemas de tesouraría porque descuadra as previsións de pagos dos concellos”. Mesmo, estes atrasos “leva aos concellos a incumprir a Lei de Morosidade, pero por causas exclusivamente atribuíbles ás compañías eléctricas”.
Ademais, os concellos tamén reciben “facturas fóra de prazo, que a miúdo se corresponden con algunhas que xa están pagas e ven obrigados a abrir un proceso de reclamación, semente baixo a coacción do corte de luz”.
Segundo Villares, o informe reflicte que “tampouco se cumpren as tarifas contratadas, aplícanse mal os descontos, hai contadores que non realizan correctamente a función de discriminación horaria ou recibos estimados simplemente esaxerados”. Prodúcense situacións “de claro abuso”, como o caso de zonas do rural galego “onde non hai contadores e factúrase por cálculo estimado que non hai forma de comprobar”.
O vicepresidente executivo e rexedor de Cervo dixo entender a situación de desamparo do resto de consumidores “ao ser incapaz de comprender a factura eléctrica, porque tamén lle ocorre aos técnicos municipais”. “Non se detallan os contadores e instalacións de forma individualizada”, engadiu, “polo que é imposible levar un control por edificios ou unidades municipais”.
Liquidacións a cegas
Outro problema manifestado polos concellos é o relativo á liquidación da taxa do 1,5% polo uso privativo do chan, subsolo e voo municipal. Recollido pola Lei de Facendas Locais, este gravame habilita aos municipios percibir das eléctricas o 1,5% da súa facturación bruta en cada localidade. “Pero a realidade é que, como as eléctricas non facilitan eses datos, esa taxa cóbrase a cegas, fiándose do cálculo que expoñen as compañías”, explica, “e que os alcaldes saben de xeito oficioso que non sempre é real”.
“Por iso demandamos transparencia”, subliñou Villares, “para que se poida exercer un control real sobre os consumos das instalacións municipais, para a liquidación do 1,5% sobre unha facturación verídica, e para que os concellos teñan unha canle de interlocución directa coas compañías”.
Para emendar esta falta de comunicación coas eléctricas e atender ás necesidades dos concellos, Villares puxo en valor a formación específica que está a recibir o persoal da Fegamp. “Queremos converternos nos asesores dos concellos, para resolverlles as súas principais incidencias e dirixirlles para orientar legalmente as reclamacións que queiran expor”, apuntou.
Ao mesmo tempo, a Fegamp iniciou un proceso de mediación coas diferentes compañías eléctricas que operan en Galicia, co fin de facerlles chegar as queixas dos concellos. Até o momento mantívose un encontro con Eon Enerxía, e estase á espera de resposta por parte de Gas Natural Fenosa, Iberdrola e Endesa.
“Imos dar un prazo prudencial para que respondan e podamos alcanzar acordos a través desa mediación”, dixo Villares, “pero non descartamos acudir a outras vías, incluída a xudicial, para defender os dereitos dos concellos”.
Por último, Alfonso Villares lembrou que a Fegamp converteu as incidencias coas eléctricas nun dos seus eixos de actuación prioritaria para este mandato. Así, desenvolveu un grupo de traballo co Inega que está a dar os seus froitos, como a ferramenta informática para xestionar os consumos eléctricos en concellos ou os protocolos de actuación para a contratación de auditorías enerxéticas.
ALGUNHAS INCIDENCIAS DOS CONCELLOS COAS COMPAÑÍAS ELÉCTRICAS NA COMARCA
ALFOZ (E.ON TUR-E.ON ENERXÍA)
– Facturación estimada desproporcionada en relación ao consumo habitual.
– Facturación conxunta de varios meses despois dun período sen lectura.
– Varias facturas do mesmo contrato coa mesma data de vencemento de pago.
– Facturas con mais dun ano de atraso.
– Facturas anuladas que están sen devolver a pesar de estar os pagos domiciliados.
BARREIROS (E.ON)
– Dificultades na vinculación da facturación cos subministros: a falta de inclusión na fac- turación e, incluso nos propios contratos, do número de contador,así como as inconcrecións e erros nos enderezos de subministro e, nalgúns casos, na propia actividade desenvolvida (abastecemento de augas, iluminación pública, augas residuais, educación, administración ), fai que resulte sumamente complicado obter unha información clara sobre consumos reais dos distintos servizos.
– Lecturas incorrectas: Detéctanse erros na lectura de contadores que poden deberse ás dificultades de vinculación sinaladas no anterior parágrafo ou á facturación de “lecturas estimadas”.
– Problemas na periodicidade da facturación: Se ben a facturación debería recibirse de xeito mensual ou bimensual, é corrente atoparse coa falta de remisión dalgunhas facturas ou o retraso no seu envío.
MONDOÑEDO (E.ON ESPAÑA)
– Non toman a lectura mensualmente e logo chegan facturas de varios meses.
– De algúns contadores hai contratos duplicados.
– A pesar de haber firmado un novo contrato con EON en novembro de 2012, para aquelas facturas de mais de10 Kw, para pasar a tarifa libre, seguen igual as facturas.
– Están chegando facturas de períodos atrasados.
OUROL (E.ON ESPAÑA-GAS NATURAL)
– Comunican que se ten contratado o servizo de subministro de electricidade coas compañías comercializadoras Gas Natural e E-ON.
– Solicitan: Que non se lles facture nun período de tempo so a potencia, sen facturar o consumo e a posterior se veña a facturar o consumo en KW, polo período xa facturado polo termo de potencia, o que produce confusión e acumulación de facturas para un mesmo período de tempo. Que non se bote sen facturar nalgún subministro eléctrico un longo período de tempo e despois lles facturen todo xunto. Que en todas as facturas independentemente da potencia contratada, figure a lectura dos contadores, (lectura anterior, lectura actual), xa que non saben de onde saen os kw facturados, ao non figurar os contadores de lectura na factura. Que a facturación fose cronolóxica no tempo, sen lecturas estimadas, e sempre figurando na factura a lectura dos contadores para todas as potencias contratadas (ultimo recurso, libre mercado, contratación de potencia tarifística). Que todas as empresas comercializadoras e distribuidoras de electricidade teñan un teléfono de atención ao cliente gratuíto ou ben un fixo nacional e un mesmo axente comercial por compañía. Que se chegue a un acordo para establecer un prazo máximo na resolución das reclamación que se poidan formular.